A Irmandiña de fútbol Sub-15 alcanza a final estatal

Elimina Madrid nos penaltis e xogará a finalísima esta cuarta feira contra Andalucía.
A alegría foi total entre as futbolistas da selección galega logo de saír vitoriosas dun partido moi sufrido ante un rival que era o favorito. (Foto: Futgal).
photo_camera A alegría foi total entre as futbolistas da selección galega logo de saír vitoriosas dun partido moi sufrido ante un rival que era o favorito. (Foto: Futgal).

O 7 de xuño do 2022 xa forma parte da historia do fútbol feminino galego. Nesta terza feira, na localidade murciana de Cartaxena, a Irmandiña Sub-15 logrou a clasificación para a gran final do Campionato de España de Seleccións Autonómicas tras eliminar o potente combinado madrileño na quenda de penaltis tras un partido de poder a poder.

As roldas previas facían prever que as novísimas xogadoras galegas podían ser quen de dar a sorpresa, como así foi, nunha semifinal que non defraudou. E iso que o guión foi o esperado, cunha selección madrileña protagonista no xogo, acaparando a pelota, e unha Galiza xuntando liñas e agardando pola súa oportunidade.

O respecto mutuo que acompañou os primeiros compases do encontro axiña foi decaendo de modo directamente proporcional ao cansazo acumulado polas futbolistas de ambos os equipos, sucedéndose as ocasións especialmente sobre a porteira galega, que tivo un aliado inesperado nos postes, que afastaron até en tres ocasións o balón da meta defendida por Naiara.

Co resultado gafas, o empate a cero inicial, chegouse ao descanso, un paso por vestiarios que non implicou un cambio na tónica do duelo galego-madrileño, pois o público congregado nas bancadas do San Xoán Bosco asistiu a unha serie de infrutuosas oportunidades até que, por fin, Madrid conseguiu materializar un tanto grazas á efectividade de María Valladolid no minuto 65.

Porén, a selección galega, lonxe de tirar a toalla, agardou polo seu momento, que chegou cinco minutos máis tarde nunha rápida transición que acabou co empate de Luíta tras un axustado lanzamento ao segundo pau.

Na recta final a semifinal converteuse nun caos para ambas as escuadras contendentes, mais foi a Galiza quen máis sufriu o -infrutuoso- asedio rival. Xa na quenda de penaltis, Madrid botou unha pelota fóra e as galegas executaron todos os lanzamentos á perfección, marcando Minerva o quinto e definitivo.

Agora só queda completar a fazaña derrotando o non menos poderoso combinado andaluz na finalísima, un choque previsto para as 9.30 horas desta cuarta feira.

Alba Merino deixa o Deportivo

Xa na categoría sénior, o fútbol feminino galego rexistrou importantes movementos no día de hoxe. O primeiro é o adeus de Alba Merino ao Real Club Deportivo da Coruña.

A veterana xogadora estremeña de 33 anos, capitá e unha das grandes estrelas branquiazuis, finalizou a súa etapa herculina após catro anos nun adeus con polémica, pois a través dunha extensa publicación nas súas redes sociais criticou o seu equipo até o día de onte.

"Teríame gustado despedirme doutro modo, pero nin sequera me deron a opción", apuntou unha Alba Merino que engadiu que "por desgraza, levantar a voz segue a molestar". "Quero que quede claro que a miña intención sempre foi a de continuar aquí, pero eu marcho coa conciencia moi, moi tranquila", engadiu.

Outra vella roqueira, Mari Paz Vilas (34), tamén cambiará de aires na campaña 2022/23. A dianteira, que desde hai dous anos defendía as cores verdibrancas do Betis, despediuse -dun modo moito máis amábel que o de Alba Merino- da escuadra heliopolitana sinalando que a levará "sempre no corazón".

Comentarios