A Irmandiña empata ante Pest (Hungría) e irá á fase final da Copa das Rexións
A selección galega de fútbol tiña onte unha cita coa historia e saíu vitoriosa.
Un empate no último partido diante do combinado húngaro de Pest valíalle para clasificarse para a fase final da Copa das Rexións UEFA e co resultado final de 1-1 a Irmandiña conseguiuno ao rematar primeira do seu grupo após os anteriores triunfos diante de Liubliana (Eslovenia) na primeira xornada desta fase intermedia por 3-0 e na segunda contra Xenebra (Suíza) por 2-1.
Partido igualado
O encontro en Vilagarcía xogouse con intensidade desde o inicio. A Irmandiña púxolle corazón e forza, dominando o campo na primeira parte mais sen concretar entre os tres paus. Nos primeiros vinte e cinco minutos o equipo de Cancela tivo até cinco boas oportunidades mais o balón non atopou o camiño da portaría húngara.
A segunda parte comezou coa mesma intensidade e coa selección galega buscando furar as redes do equipo contrario. Comezou cunha oportunidade de Antonio, o central da Galiza, que mandou a pelota fóra á saída dun saque desde o recuncho.
Dous minutos despois, no 47’, chegaba o gol galego da man de Adri Otero aproveitando unha xogada individual de Jesús Varela que lle serviu o balón fóra de marca.
Cancela aproveitou os seguintes minutos para realizar trocos na selección e entraron primeiro Aitor Díaz e Martín Pereira por Martín Sánchez e Juanín (52’), despois Aarón e Javicho por Álex Rey e Ube (75’) e Carlos Cora por Adri Otero (84’).
A presión húngara fixo que chegara no último minuto o gol do empate con aínda algúns minutos de prórroga que concedeu o árbitro e que puxo emoción até o final. O marcador non se moveu e a Irmandiña conseguiu chegar, por primeira vez, á final nesta competición.