MUNDIAL DE FÚTBOL GAÉLICO

CRÓNICA | A Irmandiña debuta en Derry no Mundial de fútbol gaélico

Integrantes da selección galega de gaélico en Derry, Irlanda. (Foto: M. Brea)
Crónica desde Irlanda de Millán Brea, integrante da selección galega.

Estamos en Derry! Hoxe comezaron os GAA World Games 2023 nesta fermosa cidade de Irlanda do Norte. Neste caso, Galiza estará representada por catro equipos: dous masculinos e dous femininos. Tamén por galegas e galegos que xogarán esta edición dentro dos combinados de Europa e Iberia. E aquí estamos. Nunha cidade que nos recibiu con chuvia, algo de frío (vaia! Que estamos coma na casa) e con moitas nacionalidades coas que agardamos compartir partidos de moito contacto e terceiros tempos tamén intensos.

Esta segunda feira tocou madrugar. Ás 7.15 horas da mañá a expedición saíu cara Owenbeg, a 25 minutos en autobús de distancia, para comezar o primeiro día de competición. Foi unha viaxe con nervios, pero tamén con moitas risas.

O ambiente desta selección é incríbel. Os máis maiores gozamos disto o dobre, xa que sabemos o complicado que pode ser acudir a unha competición e xestionar as emocións.

En canto aos resultados, día de vitorias (Galiza Senior 12 - 11 Ottawa) e derrotas (Galiza Masculina Intermediate 1 - 8 Francia Int.), isto acaba de comezar. Como anécdota, na categoría das rapazas vivimos o debut de Camboxa contra as nosas (triunfo fácil: Galiza Feminina Senior 26 - 0 Camboxa). Ilusionante celebrar puntos e ter o respecto de toda a bancada. Deporte en estado puro.

Pola tarde, e aínda que para nós sería a hora da merenda, tocou un pouco de relax e diversión.  Desfilamos para as veciñas de Derry, que nos deron a benvida á súa cidade, repleta de murais e imaxes impactantes da historia do país irmán.

E somos máis de 2.500 deportistas de todo o mundo! Unha gran festa! Pero por agora as pintas irlandesas terán que agardar un pouco máis, e nós contentas de comezar esta experiencia e compartila con todas vós.