Ás portas do Mundial, Irlanda recoñece e parabeniza o pulo do fútbol gaélico en Galiza

A GAA (Asociación atlética gaélica), asociación deportiva máis grande de Eire, adica unha reportaxe a Galiza e o auxe do fútbol gaélico co gallo da presenza das nosas seleccións nacionais, masculina e feminina, no Mundial que en agosto se desputa en Dublín.

Fútbol gaélico selección Foto-AGFG
photo_camera Fútbol gaélico selección Foto-AGFG

'Galiza, orgullosa de estar no mundial de fútbol gaélico' ('Galicia proud to be at Etihad Airways GAA World Games') é o título da reportaxe que a GAA (Gaelic Athletic Association) adica a Galiza e o pulo deste deporte no noso país. A GAA é a asociación deportiva máis grande de Irlanda, con máis de 800.000 persoas asociadas, e o seu obxectivo é fomentar e organizar competicións de deportes como o fútbol gaélico. Un exemplo, o Mundial que vai decorrer este agosto en Dublín e no que van tomar parte seleccións de diferentes países e territorios, entre elas, a galega.

A reportaxe pon Galiza como exemplo “desta nova realidade” que é que o fútbol gaélico callou e estendeuse entre os non irlandeses. A GAA fala con Wences García Zapata, introdutor hai seis anos deste deporte no noso país. De como se enganchou no verán de 2010 en Irlanda ao fútbol gaélico vendo un encontro no Croke Park: “Eu amo o baloncesto e xogaba tamén ao fútbol. Mais o fútbol gaélico é máis que iso. É o xogo total”.

Primeiros pasos

Retornou a Galiza coa idea na cabeza de montar unha equipa. "Eu, so naquel momento, explicando á xente o que é o fútbol gaélico. Pensaron que estaba tolo", recoñece na reportaxe. Mais no outono de 2010 nace o primeiro clube, Fillos de Breogan, na Coruña e cun elenco local. A partir de aí, e aos poucos, tolería total en Galiza por este deporte, que na actualidade ten 11 equipos masculinos e 8 femininos

A GAA tamén fala con Alexandre Sanmartin, Jano, adestrador da selección nacional galega masculina, que recoñece que non hai palabras para expresar asistir a un Mundial en Irlanda. "Para nós é unha honra representar o noso país. É algo especial que sería complicado explicar só con palabras, algo que calquera de nós non podería imaxinar hai uns anos”.

Taménconversaron na GAA co xogador Marcos Gañete, que afirma que “temos unha chea de xente detrás nosa, apoiando este proxecto, e estamos a recibir o premio máximo: Xogar un mundial! E en Irlanda!”. 

Comentarios