Investigados varios futbolistas por presunto contrabando de reloxos de luxo en Andorra

Un xuíz de Andorra abriu unha investigación contra varios futbolistas de Primeira División e o ex xogador David Silva por presuntas compras de reloxos de luxo a través dun circuíto que eludía o pagamento de impostos.

Arquivo. O xogador de fútbol Dani Carvajal (Foto: Federico Gambarini dpa)
Arquivo. O xogador de fútbol Dani Carvajal (Foto: Federico Gambarini dpa)

Un xuíz de Andorra vén de imputar varios futbolistas de Primeira División e o ex internacional David Silva nunha causa relacionada coa suposta compra de reloxos de luxo procedentes de contrabando, segundo avanzou eldiario.es. A investigación céntrase en sete xogadores en activo —Dani Carvajal, Santi Cazorla, Giovani Lo Celso, César Azpilicueta, Thomas Partey e Juan Bernat— aos que o maxistrado pretende interrogar en calidade de investigados. Para iso, solicitou a colaboración das autoridades do Estado español.

Segundo as informacións publicadas, o xuíz quere esclarecer as circunstancias arredor da “compra, entrega e transporte” dos reloxos, adquiridos a través dunha empresa radicada no principado andorrano que, presuntamente, non declaraba os impostos correspondentes polas operacións. Os futbolistas terían adquirido as pezas a esta firma en lugar de facelo directamente aos fabricantes oficiais. Así, a maioría das compras corresponderían a modelos de marcas suízas de alta gama como Rolex ou Patek Philippe.

Entre os investigados, destaca o caso de Thomas Partey, centrocampista do Villarreal, que sería quen realizou un maior desembolso: arredor de 415.000 euros por tres reloxos adquiridos entre os anos 2020 e 2022. A causa non se limita aos deportistas. O maxistrado tamén investiga a varias persoas e empresas do Estado Español que terían participado na venda dos reloxos á firma andorrana.

Comentarios