Denuncian insultos machistas nun partido infantil: "A porteira está solteira, por onde lla queredes meter?"

O Vilalonga apunta ao adestrador do Poio como responsábel das vexacións que, asegura o equipo sanxenxeiro, sufriu durante o partido que disputaron o pasado sábado a súa porteira, única muller sobre o céspede.
Campo do Revel, en Sanxenxo, a 'casa' do Vilalonga.
photo_camera Campo do Revel, en Sanxenxo, a 'casa' do Vilalonga. (Foto: RFGF)

O campo do Revel, en Sanxenxo, preparábase o pasado sábado para acoller a penúltima xornada da Primeira Galiza de categoría infantil da área de Pontevedra. O Vilalonga recibía o Poio nun partido ao que ambos os equipos chegaban empatados a puntos —27 en 28 xornadas— e no que, tristemente, o fútbol pasou finalmente a un segundo plano.

A escuadra visitante levou os tres puntos vencendo por un gol a catro, malia comezar o Vilalonga adiantándose no marcador na primeira metade. A porteira local, Lara, de 13 anos de idade e a única muller que saltou ao céspede —é unha categoría mixta—, foi o albo dos reiterados insultos machistas que, segundo vén de denunciar o seu equipo, sufriu por parte do rival.

Desde o Vilalonga, a través dun duro comunicado, non dubidan en sinalar directamente o adestrador do Poio como responsábel. Nada máis rematar o encontro, o técnico local, o ex futbolista Luciano González, puxo de manifesto a través das redes sociais os comentarios vexatorios que se lle atribúen ao seu rival: "Veña, rapaces, que a porteira está solteira. Por onde lla queredes meter?".

"Ese espécime non debería formar parte dunha escola deportiva nin da sociedade. É denigrante e asqueroso", reprochaba a continuación, ao tempo que urxía a adopción de medidas para evitar que se repitan este tipo de situacións. "Que ninguén che quite esa ilusión que tes por triunfar no mundo do fútbol, e menos xente como esta [...] Es un exemplo para todo o equipo", engadía.

A directiva do Vilalonga, pola súa parte, incide en que actos "inaceptábeis para alguén que exerce o labor de formador" como o vivido o pasado sábado no Revel son "os que impiden que a nosa sociedade e o noso deporte avancen". Tamén lamentan desde o clube que estes feitos non se incluísen na acta do partido malia solicitalo o delegado de campo.

Agradecen, aliás, os dez anos que Lara leva defendendo as cores do Vilalonga, un tempo no que, insisten, "demostrou a súa educación, compromiso e valores que endexamais serán 'escurecidos' por comentarios nin condutas" como a denunciada.

O adestrador do Poio presentou a súa dimisión "irrevogábel"

Pola súa parte, o Poio emitiu posteriormente outro comunicado no que informa de que o adestrador presentou a súa dimisión "irrevogábel" co obxectivo de "parar as falacias e inxurias lanzadas cara a súa persoa e intentar frear o posíbel dano que isto poida orixinar a Lara, aos seus compañeiros, aos nosos xogadores [do Poio] e a ambos os clubes".

O agora ex técnico do conxunto infantil poiense avanza que tomará "medidas legais" contra "aqueles que están terxiversando a realidade e intentando manchar" o seu nome. "Dun comentario inapropiado non se pode destruír unha persoa", conclúen desde a súa escuadra, ao tempo que inciden en que o técnico "pediu desculpas" a "todos os espectadores, xogadora e pais de ambos os equipos" no terreo de xogo.

Comentarios