A antiga testemuña protexida

Un imputado sinala 5 ultras atléticos como responsábeis do asasinato de Jimmy

Jimmy perdeu a vida a mans de elementos ultra do fascista Frente Atlético nas inmediacións do estadio VIcente Calderón o 30 de novembro de 2014. O seu asasinato a día de hoxe continúa impune.

Bandeira en homenaxe a Jimmy
photo_camera Bandeira xigante despregada polos blues en Riazor en homenaxe a Jimmy

Esta segunda feira prestou declaración perante o titular do Xulgado de Instrución número 20 de Madrid a antiga testemuña protexida do caso Jimmy. Desta volta fíxoo en calidade de imputado -por participación en rifa tumultuaria- na peza separada por "homicido e lesións" que se segue polo asasinato do seareiro deportivista Francisco Javier Romero Jimmy e pola agresión sufrida por outro blues, Santiago A.

Hai dous anos o seu testemuño serviu para enviar a prisión varios menores pertencentes ao Frente Atlético, mais estes acabarían sendo absolvidos pola Audiencia Provincial de Madrid ao non outorgar credibilidade á versión dos feitos oferecida pola testemuña protexida.

Agora, xa na súa calidade de imputado, a testemuña protexida -el propio un ultra atlético- mantense no seu relato e volta a afirmar perante o xuíz que a Jimmy o mataron entre cinco integrantes do Frente Atlético, aos que ten identificado.

Este testemuño foi corrobado por varios axentes de policía, que tamén prestaron declaración, segundo informa a SER. Hai dous anos, a policía si dera credibilidade á versión da testemuña protexida, ao contrario do que a Audiencia Provincial.

De acordo con fontes consultadas por Efe, o imputado incorreu en algunhas contradicións a respeito das súas declaracións de 2015. Agora identificaría como autores do asasinato cinco persoas e non catro como daquela.

A causa polo asasinato de Jimmy fora sobreseída por un auto xudicial de 14 de decembro de 2016 -o maxistrado vía imposíbel identificar os responsábeis materiais da morte do deportivista-, mais acabara por ser reaberta en xuño de 2017 por decisión da Audiencia Provincial madrileña.

Comentarios