Iago abre a billa e Bermejo sela o vital trunfo do Celta ante o Granada

Non son tres pontos máis. Son deses que te colocan outra volta sobre a superficie da auga. O Celta gañou con sofrimento o Granada (2-1) e xa está a só 2 pontos da liña da salvación.
Celta Orellana
photo_camera Celta Orellana

A estrea de Abel Resino, especialista en salvar equipas do descenso, resultou na primeira vitoria do Celta en dous meses. Non houbo revolución no once titular, tampouco grande transformación sobre o relvado. Si, talvez, a fortuna da que careceu Paco Herrera en non poucos xogos. E reapareceu tamén o xenio de Moaña para converter o 1-0 no taboleiro de marcas. Voltouse a demostrar o axioma de que para que gañe o Celta, ten de marcar Iago Aspas.

Co gol de Iago (1-0, m. 23), o Celta parecía respirar. Foi unha miraxe. Empatou decontado o Granada, unha equipa rochosa onde as houver, con gol de Ighalo (1-1, m. 27).

Depois do intervalo, o Celta perdeu fol e o mando no centro do campo. Houbo momentos en que até pareceu atravesar unha preocupante má condición física. O treinador estivo aí e acertou cos trocos. Bermejo, nunha acción pouca ortodoxa, ocupouse de levar o 2-1 ao taboleiro de marcas e nese mometo rematou todo.

O Celta suma 23 pontos, após 6 vitorias, 5 empates e 14 derrotas. Ten a tiro de 2 pontos a Osasuna e Zaragoza, que marcan a liña de salvación. O soño é posíbel.

Comentarios