A historia do Celta, á venda

Entre os obxectos que se poden atopar na rede están as botas do máximo goleador histórico do Celta, Ramón Polo. (Foto: Celta).
Un portal web oferta artigos únicos do pasado celeste

A historia do fútbol é unha disciplina á que non se lle comezou a prestar atención até a década dos 90 do século pasado, nun crecente interese que ten o seu símbolo no National Football Museum, fundado na localidade inglesa de Preston no ano 1998.

Desde entón, numerosos clubs, ligas e federacións trataron de dignificar o seu pasado erixindo estatuas, museos e homenaxeando os protagonistas de grandes fazañas deportivas.

Galiza, como en tantos outros eidos, aínda está por subirse ao tren da modernidade no que respecta á súa historia futbolística. Así, se a Federación Española de Fútbol conta desde 2003 co Museo da Selección, instalada na madrileña localidade das Rozas, a súa homóloga galega nin conta nin ten previsto desenvolver instalacións semellantes, a pesar do millonario investimento realizado polo ente federativo en novas sedes durante os últimos anos.

O Real Club Deportivo da Coruña, pola súa banda, anunciou aos catro ventos en decembro de 2016 que o conxunto branquiazul contaría cun museo que estaría instalado nun dos baixos do propio estadio de Riazor. Porén, tan só tres meses despois comunicaba a cancelación do proxecto "a causa da débeda coa Axencia Tributaria".

Polo contrario, en Vigo foron pioneiros neste ámbito, e desde 1999 contan cun modesto museo que realiza un percorrido con principio na fundación do club.

Con todo, estas instalacións permanencen fechadas ao público na actualidade, e nelas bótanse en falta unha importante cantidade de obxectos e materiais relacionados co pasado do club, que a día de hoxe continúan en mans de coleccionistas particulares, ocultos a ollos das seareiras.

De feito, a día de hoxe no portal especializado Todocolección ofértanse multitude de pezas únicas, como fotografías das xiras americanas do Celta nos anos 20; as botas do lendario Ramón Polo, o máximo goleador histórico do conxunto celeste e da selección galega; o balón da final de Copa de 1922 que se disputou en Vigo ou impresos correspondentes á fundación da escuadra olívica, logo da fusión entre o Vigo e o Fortuna, polo que este desleixo pola propia historia non ten trazas de rematar a curto prazo.