A cor celeste domina entre o fútbol galego

Xornada inmellorábel para a institución do Real Club Celta de Vigo, pois o primeiro equipo celeste confirmou matematicamente a súa permanencia na máxima categoría e o conxunto filial logrou unha moi traballada clasificación para loitar por ascender á Segunda División.
Tras superar unha nova fase de grupos, o Celta B de Onésimo Sánchez pelexará polo ascenso nunha decisiva rolda eliminatoria. (Foto: RC Celta).
photo_camera Tras superar unha nova fase de grupos, o Celta B de Onésimo Sánchez pelexará polo ascenso nunha decisiva rolda eliminatoria. (Foto: RC Celta).

Tranquilidade. Logo das agónicas salvacións logradas nas dúas últimas tempadas, a afección do Celta, por fin, poderá gozar dunha relaxada final de campaña, logo de que a vitoria ante o Levante (2-0) confirmase a súa continuidade na Primeira División durante un ano máis. E algunha seareira dirá que menos mal, pois durante o choque co conxunto blaugrana resultaron baixa por lesión Murillo, Tapia e Iago Aspas, os homes máis importantes para Eduardo Coudet tanto na defensa, o medio do campo e o ataque celeste, respectivamente.

Estes contratempos dificultan especialmente o obxectivo, aínda posíbel, de xogar a vindeira tempada en Europa, que pasa imperiosamente por ser quen de derrotar o Vilarreal. O Chacho, sempre ambicioso, non renuncia a nada, o que non é impedimento para que unha sensación de satisfacción xeneralizada se instalase entre a parroquia celeste.

A isto contribuíu tamén o feito de que o conxunto filial vaia pelexar por subir á categoría de prata. 102 equipos foron da partida na Segunda B máis dura da historia, seis deles galegos, sendo o Celta B o único dos nosos que conseguiu estar entre os 16 mellores. Logrouno unha xornada antes do final da fase de grupos, derrotando en Balaídos á Cultural Leonesa por un resultado de 2-1.

O Deportivo xogará na nova Primeira RFEF

Riazor acolleu 5.000 persoas para asistir a un Deportivo-Langreo que foi o acto, mesmo fóra do eido do deporte, con maior presenza de público que se desenvolveu na Galiza desde o inicio da pandemia da Covid-19.

Nese contexto, o Dépor non podía fallar, e non o fixo, esmagando a Unión Popular de Langreo por 5-0. A confirmación do mal menor da súa presenza a vindeira tempada na nova Primeira RFEF evita a ansiedade que suporía chegar á derradeira xornada de campionato con todo en xogo na casa do Numancia de Soria.

O resultado do Dépor podería determinar o futuro do Rácing de Ferrol

Precisamente, dese partido dependerá a sorte que corra a outra escuadra galega con opcións de entrar na Primeira RFEF, o Rácing de Ferrol, quen non foi quen de superar os rojillos nesta xornada (1-1) e, de non conseguir os tres puntos ante o Marino, quedaría a expensas de que o Dépor evite unha vitoria local no Estadio dos Paxariños.

Pola súa banda, e sen nada máis que a honra en xogo, un Compostela que xa sabe que a vindeira tempada xogará na Segunda RFEF, cos recentemente ascendidos Arenteiro e Bergantiños, non puido gañar aos asturianos do Marino de Luanco no Vero Boquete (0-1).

Finalmente, no grupo por eludir o descenso á Terceira División, Coruxo e Pontevedra prolongaron a súa xeira de imbatibilidade, empatando na casa do filial do Sporting de Xixón (2-2) e superando o fechacancelas Covadonga (0-3). Con estes resultados, ambos os conxuntos do sur da Galiza continúan no máis alto da táboa clasificatoria.

O Club Deportivo Lugo resulta vítima da temida 'Lei de Murphy'

O conxunto albivermello continúa percorrendo lenta pero inexorabelmente un camiño que tan só conduce ao descenso de categoría. Porén, nesta ocasión non foi todo exclusivo demérito dos lucenses, pois as dinámicas, eses pequenos trasgos que nun determinado momento parecen condicionar o devir de calquera equipo de fútbol sen responder a razóns nin argumentos amparados na lóxica, fixeron das súas para que non foran quen de facerse cos tres puntos na visita do Real Zaragoza ao Ángel Carro (2-2).

Con todas as súas limitacións, a estas alturas da película xa máis mentais que físicas, os de Rubén Albés colleron desde o principio as rendas do partido, pasando por enriba duns maños que atravesan unha situación non moito mellor tanto no eido deportivo como no institucional. Tanto é así que o Lugo chegou a adiantarse por dúas veces, primeiro no minuto 44 e posteriormente no 81, mais na última xogada do partido, no minuto 97, pasou o inimaxinábel e o Zaragoza empatou cun gol... do porteiro! Pura Lei de Murphy en acción, pois a día de hoxe no Club Deportivo Lugo "todo o malo que poida pasar, pasará".

Comentarios