A hípica regresa ao hipódromo de Xinzo coas mellores probas
O hipódromo de Antela, en Xinzo (A Limia) acollerá este domingo a penúltima xornada da tempada 2025 do calendario oficial de carreiras de cabalos. Será unha cita chave para os clubs que aínda aspiran a clasificarse para o Gran Premio da Galiza que decorrerá no mesmo recinto o vindeiro 12 de outubro.
A programación prevista, preparada polo Jockey Club Galicia, inclúe catro probas de velocidade en distintas modalidades: trote enganchado, galope PRA (Pura Raza Árabe) e galope PSI (Puro Sangue Inglés). Jorge Vázquez, responsábel de carreiras da Federación Hípica Galega e das instalacións de Antela, explica a Nós Diario que a competición en todas elas "chega moi igualada e aberta".
Analizando o momento que vive a hípica en relación ás carreiras, desde a Federación consideran que "a nivel de participación fica estábel, mais o que notamos é unha maior calidade nos cabalos e eguas que participan na competición". En opinión de Vázquez isto ten a ver "cun maior investimento por parte dos propietarios e das propietarias en cabalos de valor, son máis competitivos". "Hai máis Formula 1 e menos de Fórmula 4", chancea.
As probas
En trote enganchado decorrerá o Gran Premio Astrot, dedicado a cabalos do país, con condutores tamén galegos –van en carro–, e outro de carácter internacional coa presenza de Portugal. En ambos os dous apartados, fechada a inscrición, competirán seis participantes. "É difícil dar un prognóstico claro mais podemos falar de Jazz VT, de Valdemunde e tamén de Eléctrica Tac", sinala Vázquez.
En relación ao galope PRA, este terá un carácter aberto con participantes de todo o Estado español e correrán catro. "Destaca Palomina de Llanes, a egua que polo de agora está invicta en todas as carreiras nas que participou", aclara Vázquez.
No PRI, o premio é o Memorial José Ramón Barbazán, en homenaxe a este histórico club hípico. Nesta modalidade, correrán nove participantes aínda que o máximo eran catorce. "Todos teñen opcións mais podemos falar de dous nomes: Galindo e Puell", indica o responsábel federativo. O primeiro pertence á Asociación Zubieta (Nafarroa) e o segundo ao Vilariñas, en Brión (comarca de Compostela).
