Guitiriz rescata a súa tradicional carreira popular catro anos despois

O evento reunirá nas rúas máis de 300 persoas
A presentación tivo lugar na xornada de onte en Guitiriz. (Foto: Concello de Guitiriz).
photo_camera A presentación tivo lugar na xornada de onte en Guitiriz. (Foto: Concello de Guitiriz).

A XII Carreira popular Guitiriz Termal volve este 2 de abril, de modo presencial, e será un regreso por todo o alto, pois son 307 as persoas que se darán cita neste evento que, unha vez máis, terá carácter solidario co obxectivo de recadar fondos para doalos a Somos unidos por el Cáncer, unha asociación fundada por un grupo de nais e pais con fillos e fillas enfermas de cancro que traballa para axudalas a elas e á súa contorna. 

A proba foi presentada nesta quinta feira de modo oficial na Casa Habanera por parte da alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira; do concelleiro de Deportes, Iván Morado; do atleta local Toño Teijido -que colabora co Concello na organización-; e da secretaria de Somos unidos por el Cáncer, Marián Pérez, nun acto que presidiron os novos trofeos deseñados para a ocasión e a camiseta que se lle entregará a todos e todas as participantes.

Morandeira explicou que "por fin, despois de catro anos sen carreira popular, podemos retomala", e agradeceu a Toño Teijido "a súa colaboración, tanto para organizar este evento como polo que fai durante todo o ano nas escolas deportivas". A rexedora tamén destacou "o eido solidario da proba, que quizais é o máis importante". 

Pola súa parte, Marián Pérez comentou que para a súa organización é "moi importante a visibilidade que se nos dá con este tipo de iniciativas", ademais da "recadación", que se doará integramente para investigación, xa que é o único modo de ter "novos tratamentos e axudar a mellorar a calidade de vida das personas que padecen cancro".

Por último, Toño Teijido explicou o programa da proba e os diferentes percorridos das diferentes categorías dunha carreira que será de cinco quilómetros de extensión e comezará a partir das 18 horas coa categoría biberón e concluirá coa absoluta ás 18.30.

Comentarios