O Guardés colle vantaxe na semifinal europea mais non resolve a eliminatoria ante Costa do Sol Málaga

O equipo miñoto venceu 24-26 no primeiro encontro de semifinais da EHF European Cup despois de deixar escapar unha vantaxe de seis goles.
As xogadoras do Guardés defenden un ataque do conxunto malagueño. (Foto: Joaquín Corrales)
As xogadoras do Guardés defenden un ataque do conxunto malagueño. (Foto: Joaquín Corrales)

Tras unha primeira parte moi igualada, o Atlético Guardés que dirixe Ana Seabra fíxose grande na segunda metade grazas a unha defensa férrea e un ataque ben coordinado. Logrou unha vantaxe de seis goles que non soubo conservar nos minutos finais. Un parcial de 4-0 deulle azos ao equipo local, que chegará á Sangriña o vindeiro sábado con opcións de disputarlle ás galegas as semifinais da EHF European Cup.

A eliminatoria fica aberta despois dun encontro que virou tras o descanso, co marcador moi apertado (11-12). A igualdade inicial transformouse no dominio do conxunto miñoto que comezou a destacar en todos os niveis e a desarmar o anfitrión, que con 14 perdas favoreceu o xogo e a vantaxe das galegas, desaproveitada na recta final.

Destacaron Sancha e Cacheda, liderando con seis e cinco goles respectivamente un ataque ben engraxado; mentres Mínguez defendeu a porta con seis paradas claves na segunda metade. A concentración en defensa limitou as opcións das rivais ao tempo que o Guardés confirmaba a súa puntería desde todos os ángulos. Así, encadeou dous goles que abriron certa distancia (11-14).

As galegas lograron frear os intentos locais por igualar o marcador. Fechou a defensa e cando quedaban menos de 20 minutos para o final anotou o seu segundo Blazka Hauptman para elevar a renda a catro goles, que xa facían temer o peor ás de Suso Gallardo que volvía parar o xogo (14-18).

Minutos decisivos

O paro non alentou o Málaga, que seguía a sumar perdas de balón malia a gozar dun maior acerto no lanzamento. Un novo 0-2 das galegas permitíalles avanzar con certeza e en positivo ató situarse con seis goles de vantaxe (19-25) a falta de cinco minutos para o final.

A exclusión de Hauptman deixaba a Guardés en inferioridade cando debía aguantar o resultado. Aproveitou a oportunidade o Málaga a través de Isa Medeiros que comezou a reducir a vantaxe das miñotas. Ana Seabra parou o tempo para planear o ataque final e termar dunha vantaxe cómoda na Sangriña, mais o conxunto malagueño, liderado pola brasileira, arruinou o propósito do Guardés, que o vindeiro sábado, 25 de abril, ás 20.30 horas, tratará de facer boa a vantaxe de dous goles para conseguir o billete a unha final histórica.

Comentarios