'Grândola, Vila Morena': a contestación musical de Balaídos aos cánticos fascistas da afección bética de extrema dereita

Afección celeste nas bancadas de Balaídos o pasado sábado, 8 de febreiro. (Foto: RC Celta)
O estadio do Celta despediu a afección do Betis coa canción emblema da revolución que puxo fin á ditadura portuguesa.

A vitoria do Celta de Vigo o pasado sábado en Balaídos ante o Real Betis (3-2) foi motivo de orgullo deportivo para a afección celeste, que viu como o seu equipo remontaba sobre o terreo de xogo un 0-2 en contra.

O partido chegou ao descanso con ese marcador. Un resultado adverso que a afección bética desprazada a Galiza festexou nas bancadas e que unha facción de seguidores de extrema dereita mesmo celebrou con cánticos e acenos de índole fascista.

A afección do Celta tomou nota e agardou a segunda parte. Porén, a megafonía do campo deixou caer a primeira contestación musical fronte á provocación dos seareiros béticos. No descanso soou o Bella ciao, unha canción popular adoptada como símbolo da resistencia antifascista italiana contra o réxime de Mussolini, unha resposta habitual en Balaídos contra os xestos fascistas doutras afeccións visitantes. 

Remontada

Na segunda parte, tres goles de Fran Beltrán, Javi Rodríguez e Williot confirmaron a remontada. Conseguiron darlle a volta ao marcador antes do minuto 90 e alentaron o público celtista a darlle a réplica aos seguidores do equipo visitante con cánticos antifascistas e apupos polos xestos que exhibiran durante a primeira metade do encontro.

Entón, a do Celta e o celtismo foi tamén unha vitoria moral que o club culminou nos instantes finais da xornada de Liga en Balaídos, no momento en que os adeptos do Real Betis esperaban para abandonar o estadio, xa coas bancadas baleiras. O Celta volveu activar a megafonía e fixo soar o Grândola, Vila Morena, a música do Zeca Afonso, que símbolo da Revolución do Cravos, da resistencia e do triunfo antifascista en Portugal.