Golpe olímpico de Enmanuel Reyes

Nunha xornada moi axitada en todos os sentidos, como poden dar testemuña Támara Echegoyen e Iago López, que padeceron os efectos do tifón 'Nepartak', o boxeador Enmanuel Reyes sacudiu os xogos eliminando o casaco Vassiliy Levit, subcampión olímpico e bronce mundial, situándose así a dous pasos das medallas.
O boxeador deu a sorpresa da xornada e xa está clasificado para os cuartos de final. (Foto: COE).
photo_camera O boxeador deu a sorpresa da xornada e xa está clasificado para os cuartos de final. (Foto: COE).

Cal e area para Támara Echegoyen no seu camiño cara a medalla de ouro. A galega, acompañada da balear Paula Barceló na categoría 49er FX, comezou de forma case inmellorábel, finalizando a primeira regata en segunda posición, só por detrás das británicas Charlotte Dobson e Saskia Tidey. 

Lamentabelmente, e cando encabezaban a clasificación durante a segunda, non puideron evitar que a súa embarcación envorcase, o que a levou até a décima posición. E, para colmo de males, na terceira e última foron descualificadas. Non obstante, a galega mantén o optimismo: "Temos que ser positivas a pesar de todo, porque foi un día inestábel e difícil para navegar".

Diso pode dar boa fe outro galego, Iago López, quen xunto co seu compañeiro Diego Botín rematou quinto a primeira regata do 49er masculina, a única que se puido disputar a causa dun tifón que obrigou a adiar a competición.

Fóra da auga, o boxeador Enmanuel Reyes, o 'Profeta de Monte Alto', protagonizou unha das grandes sorpresas no que vai de Xogos Olímpicos após derrotar por K.O. ao casaco Vassily Levit, vixente subcampión olímpico e medalla de bronce nos dous últimos campionatos do mundo.

Non menos simbólica foi a vitoria da selección española de balonmán ante o combinado francés, segunda clasificada en Río 2016, choque no que brillou a xogadora de Valdoviño Alicia Fernández

Ollo ao tifón 'Nepartak', un factor a ter en conta

O que lle faltaban aos Xogos máis accidentados da historia: problemas climáticos. O tifón Nepartak, que xa fixo das súas na xornada de hoxe, ten previsto tocar terra ás 12 do mediodía de Xapón, traendo consigo tormentas e fortes ondas que prometen volver alterar o curso das probas disputadas ao aire libre, como a vela, na que compite Nico Rodríguez, ou o Dobre Scull de Caetano Horta.

Poden estar tranquilos, por tanto, os e as galegas que compiten en interiores, caso dos judocas Nico Shera e María Bernabéu, ou Rodrigo Corrales no balonmán.

Comentarios