O Goberno español destinará 7,5 millóns a intentar acoller o Mundial ao que aspiran Balaídos e Riazor

É un proxecto conxunto con Portugal e Ucraína.
Riazor, logo do Mundial de 1982. (Foto: RC Deportivo)
photo_camera Riazor, logo do Mundial de 1982. (Foto: RC Deportivo)

O Consello de Ministros, atendendo unha solicitude do responsábel do departamento de Cultura e Deporte, Miquel Iceta, aprobou na súa reunión de onte un Real decreto polo que se regula a concesión directa dunha subvención de 7,5 millóns de euros á Real Federación Española de Fútbol (RFEF) para a preparación e desenvolvemento da candidatura para albergar en 2030 o Mundial de Fútbol, un proxecto onde tamén participan Portugal e Ucraína.

Segundo informou o Consello Superior de Deportes (CSD) en nota de prensa, con este novo investimento, financiado con cargo ao orzamento de gastos do propio CSD correspondente ao exercicio 2022, pretenden "potenciar a candidatura" a través de diversas actividades.

Entra estas citan "o desenvolvemento de encontros e eventos en distintas partes do territorio estatal e estranxeiro; o estabelecemento dunha oficina técnica para a coordinación de eventos; a difusión das iniciativas a través dos medios de comunicación social; o desenvolvemento das infraestruturas necesarias destinadas a centros de adestramento e tecnificación das seleccións e o soporte tecnolóxico".

O CSD recalcou que "os beneficios" da organización do Mundial de fútbol "inciden en varias áreas, sendo especialmente significativo o seu impacto no sector turístico en diferentes puntos do país, convertendo ademais o evento nunha forma de proxección exterior".

Na Galiza, os estadios de Riazor da Coruña e Balaídos de Vigo optan a estar entre a listaxe de sedes escollidas, que se distribuirán ao longo non só do Estado español, senón do portugués e o ucraíno no que, para o Consello Superior de Deportes é "o máis importantes dos retos no contexto deportivo internacional, que require da suma de esforzos e potencialidades para esa candidatura conxunta".

Comentarios