Galiza confirma a súa condición de potencia no Estatal de Sprint

O piragüismo galego domina os tres días de competición.
María Pérez e Manuel Fontán (centro), do Náutico O Muíño, proclamáronse campioas no C2 Mixto. (Foto: Fegapi).
photo_camera María Pérez e Manuel Fontán (centro), do Náutico O Muíño, proclamáronse campioas no C2 Mixto. (Foto: Fegapi).

As padexeiras e padexeiros galegos non decepcionaron no LII Campionato de España de Sprint Olímpico Sénior, Sub-23 e Xuvenil, a derradeira proba da Liga Hernando Calleja, que reuniu no encoro de Pontillón de Castro (Pontevedra) máis de 841 deportistas pertencentes a 97 clubs procedentes de todo o Estado. A delegación galega, ademais de pola condición de anfitrioa, partía como favorita por ser a máis numerosa, con 345 representantes e 29 equipos, e non decepcionou.

O Club Kayak Tudense finalizou terceiro na clasificación xeral, só por detrás de Piragüismo Aranxuez e Club Náutico Sevilla. Os de Tui logran, xa que logo, manterse durante un ano máis entre os tres primeiros clasificados na gran proba estatal. Ademais, a Escola de Piragüismo (EP) Cidade de Pontevedra finalizou en quinta posición, mentres que o Breogán do Grove fechou o 'Top Ten' ocupando a décima posición.

A gran actuación do Kaiak Tudense significa, a maiores, que logre a segunda posición na clasificación xeral das ligas feminina e masculina da categoría Sénior, nas que o Piragüismo Aranxuez se proclamou vencedor. A Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra, pola súa banda, fíxose co terceiro posto na Liga Xuvenil feminina.

Tres días de absoluto dominio galego

A pesar da vitoria por equipos de Aranxuez e Sevilla, no plano individual o piragüismo galego dominou o medalleiro durante os tres días nos que se estendeu a competición.

Galiza non tivo rival sobre as distancias de 200, 500 e 1.000 metros sobre as que se desenvolveu a proba, obtendo un botín de 24 medallas, nove de ouro, oito de prata e sete de bronce. 

Tres delas acabaron no pescozo de breoganista Diego Domínguez, que foi a sensación na categoría Xuvenil. Outro logro relevante foi o podio integramente galego que certificaron os seus compañeiros Diego Romero e David Barreiro, xunto con Jaime Duro (EP Cidade de Pontevedra) na modalidade C1 1.000 metros.

En caiac masculino os tudenses Pedro Vázquez e Roi Rodríguez ocuparon as dúas primeiras posicións en  K1, mentres que na categoría Xuvenil, o devandito Diego Domínguez impoñíase aos dous integrantes do Náutico Rodeira, Yoel Becerra e Mauro  Pardavila. 

Entre as mulleres, e máis concretamente na distancia curta de 200 metros, brillaba Sara Ouzande (Kayak Tudense), medalla de ouro en K1 Sénior. Ademais, no C1 Antía Otero (EP Cidade de Pontevedra) e María Pérez (Náutico O Muíño) fixéronse co segundo e terceiro posto no podio, fazaña que repetirían na distancia de 500 metros.

O inmellorábel fin de festa chegaría nesa mesma distancia, aínda que na modalidade C1 masculina, onde os padexeiros galegos volverían copar os tres metais, conseguindo Adrián Sieiro (Piragüismo Poio) o ouro, Manuel Fontán (Náutico O Muíño) a prata e Pablo Graña (Náutico Rodeira) o bronce.

Oportunidade de entrar na familia do piragüismo

A Federación Galega de Piragüismo anunciou que o centro de estudos Jesús Morlán, situado no embalse de Pontillón do Castro, ten aberto até o día 4 de outubro o seu prazo de matrícula para o inminente curso 2021/22, no que se impartirán clases dos distintos ciclos que ofertan, como o de Técnico Superior en Augas Tranquilas ou o Grao Medio de Piragüismo.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios