A Galiza acollerá o Estatal de vela 420 e unha proba da Liga de Remo

O país consolida a súa posición no deporte náutico
Domínguez e Ameneiro son dúas das grandes favoritas galegas (Foto: RFGV).
photo_camera Domínguez e Ameneiro son dúas das grandes favoritas galegas (Foto: RFGV).

Piragüismo, vela e remo son tres das disciplinas que máis alegrías teñen deparado á afección galega tanto a nivel estatal como continental e mesmo olímpico.   

Ao mesmo tempo en que na localidade húngara de Szeged unha ampla Armada Galega intentará demostrar o seu poderío nunha Copa do Mundo que se estenderá ao longo de toda a fin de semana, na Galiza terá lugar a Copa de España 420 de vela.

Concretamente, a sede dun certame que comezará o próximo sábado día 13 de maio e rematará na véspera do Día das Letras Galegas, o 16, será o Centro Galego de Vela, en Vilagarcía de Arousa.

Alí medirán forzas os nomes máis potentes dunha das modalidades mais relevantes a nivel internacional, xa que é a antesala da vela olímpica de barcos dobres, onde a Galiza conta con grandes campións e campioas como Nico Rodríguez (470) ou Iago López, a pioneira Támara Echegoyen ou Patricia Suárez (49ers).

En Vilagarcía tomarán a saída 60 deses barcos dobres, dos que arredor dunha ducia serán galegos, o que significa unha participación dunhas 24 regatistas do país, entre as que destacan Natalia Domínguez e Inés Ameneiro, quen xa saben o que é conquistar un título estatal, pois veñen de subir ao máis alto do podio no Campionato de España Sub-17.

Importante regata en Noia o 30 de setembro

Cambiando a vela polo remo, a Federación Española da modalidade oficializou o calendario da Liga de Remo de Mar 2023, que nesta ocasión está conformada por seis regatas, das que unha terá lugar na Galiza.

Será, concretamente, en Noia entre o 30 de setembro e o 1 de outubro, penúltima parada dun certame que concluirá dúas semanas despois en Castropol (Asturias). 

Comentarios