Tres galegos entre o mellor do slalom olímpico mundial

Ainhoa Lameiro, Luís Fernández e Manuel Ochoa competirán no Mundial de Augsburgo, en Austria.
O Mundial arranca hoxe no Eiskanal de Augsburgo, en Austria. (Foto: Wassersystem).
photo_camera O Mundial arranca hoxe no Eiskanal de Augsburgo, en Austria. (Foto: Wassersystem).

O Campionato Mundial de Slalom Olímpico comeza hoxe no Eiskanal de Augsburgo (Austria), concretamente ao seu paso polo río Lech, e a proba -que se estenderá até o próximo domingo, 31 de xullo- contará coa presenza de tres competidores e competidoras galegas, que se codearán coas mellores do planeta nesta dura disciplina.

Trátase de Ainhoa Lameiro, Luís Fernández e Manuel Ochoa. A primeira participará na modalidade C-1, a mesma que Luís Fernández, onde serán da partida tanto de modo individual como colectivamente, integrados na disciplina do combinado estatal.

Manuel Ochoa, pola súa parte, disputará as probas de K-1 por equipos e individual, aínda que a súa participación mundialista estará complementada coa nova modalidade olímpica de caiac estremo.

Campionato de Europa de Maratón de Silkeborg

A de Austria non é a única cita internacional con presenza galega, pois a partir de mañá, 28 de xullo, está previsto o inicio do Campionato de Europa de Maratón 2022 na localidade danesa de Silkeborg, un certame que, como o Mundial de Slalom Olímpico, durará até o domingo 31 de xullo.

A representación da Galiza será sensibelmente superior en Dinamarca, pois até alí se desprazarán 16 deportistas que en moitos casos teñen como obxectivo obter unha medalla. 

A primeira podería chegar mañá mesmo nas carreiras  individuais da categoría xuvenil, da man dos padexeiros do Club As Torres Kevin Longo e Pedro Torrado. Ademais, nas regatas da modalidade short race participarán as parellas formadas por Tono Campos e Diego Romero no C-1 e por Iván Alonso e Tania Álvarez no K-1.

Xa na sexta feira será a quenda para Diego Piñeiro (EP Cidade de Pontevedra), quen tomará a saída ás 8.55 horas na carreira de C-1 Sub-23, mentres que Joaquín Iglesias (Piragüismo Verducido) fará o propio no K-1 ás 16:15.

Con respecto aos eventos programados para o sábado, estes traerán consigo a presenza de Iván Alonso (Piragüismo Olívico) en K-1, Noa Conde (EP Cidade de Pontevedra) en C-1, Tania Álvarez (Breogán) en K-1 e Tono Campos (Breogán) e Manuel Garrido (Caiac Tudense), collendo a remuda o domingo as embarcacións dobres.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios