Francia volve ante o espello de Pelé no 62
A selección francesa, favoritísima a levantar a Eurocopa na final do próximo 14 de xullo, perdeu o seu gran referente, Kylian Mbappé, logo da fractura de nariz sufrida polo dianteiro após impactar co austríaco Kevin Danso durante o seu debut no torneo.
Pese a descartar, polo de agora, pasar polo quirófano, a participación da flamante fichaxe do Real Madrid no que resta de competición representa unha incógnita ao nivel do que serán quen de facer sen el os seus compañeiros.
O espello no que agora se mira Francia é o do Brasil no Mundial de Chile 1962, cando dixo adeus a Pelé na primeira fase por lesión. Entón, Garrincha deu un paso adiante e erixiuse como o líder dun equipo que acabou conquistando a súa segunda Copa do Mundo consecutiva, máis está por ver se Griezmann, Dembéle ou algunha outra das estrelas galas poderán encher o oco deixado polo xa ex xogador do PSG.
A primeira oportunidade que terán os pupilos de Didier Deschamps para demostrar que non existe Mbappedependencia algunha é no duelo desta sexta feira ante o outro gran equipo do Grupo 'D', Países Baixos (Zentralstadion, Liepzig, 21 horas), un conxunto irregular en plena reconstrución que sufriu para superar unha Polonia sen Robert Lewandowski no partido inaugural.
O veterano goleador (35) podería reaparecer após superar a lesión que arrastraba ante Austria (Olímpico de Berlín, 18 horas), o que inclinaría a balanza do favoritismo a prol dos Białe orły.
Ademais, completa a xornada futbolística da gran cita continental o Eslovaquia-Ucraína, un choque programado ás 15 horas no Düsseldorf Arena no que os Lunin, Dóvbyk e compañía, chamados a ser a gran revelación desta Euro, non poden permitirse outro tropezo se non queren facer as maletas de forma prematura.