Federación Vasca de fútbol cursa a petición para ser membro de UEFA e FIFA
Representantes da Federación Vasca e o Goberno de Euskadi rexistraron esta petición nas sedes da FIFA e a UEFA.
Hai 2 anos a Asemblea da federación Vasca de Fútbol acordou solicitar formalmente a oficialidade en instancias internacionais. Agora, representantes da Federación Vasca de fútbol presentaron ante FIFA e UEFA a petición para ser recoñecidos como membro de pleno de dereito.
O presidente Luís Mari Elustondo e a vicepresidenta Nerea Zalabarria acudiron ás desdes da FIFA en Zúric e a UEFA en Nyon, acompañados polo director de Deporte do Goberno de Euskadi, Jon Redondo, e o avogado David Salinas- Armendariz.
O mandato de Elustondo termina este 2020 e en xaneiro haberá eleccións á Federación. O presidente adiantou nunha entrevista en GARA que tiña intención de pechar a presidencia reclamando a oficialidade ante instancias internacionais.
A semana pasada xogadores de diferentes equipos vascos (Zurutuza, Illarramendi, Ainhoa Tirapu e Asier Risco) fixeron público un comunicado no que instaban o ente federativo a dar o paso.
Na nota de prensa enviada explicando a solicitude presentada, a Federación lembra que a oficialidade conta co respaldo da maioría social vasca e asegura que é “un obxectivo lexítimo e absolutamente viábel desde un punto de vista legal, tal e como demostra a integración doutros territorios europeos que non son estados independentes e o percorrido histórico das súas seleccións (con liga propia ou sen ela)”.
Así mesmo, avoga por “unha integración pactada entre as partes” e sinala que notificou á Federación española a “vontade de abrir un período de negociación para acordar os ternoss da mesma”. Contemplan un prazo dun ano.
A Federación Vasca entregou distinta documentación ante os organismos federativos internacionais no que se recolle unha copia dos seus Estatutos; un dossier sobre a historia da Federación e a selección vasca desde 1915 e un informe legal emitido polo Goberno de Euskadi.