O fútbol galego avanza con forza na Copa do Rei

Bamba (no centro, chocando a man con Miguel) foi, como vén sendo habitual, o mellor dun Celta que en Turégano volveu estar gris. (Foto: RC Celta).
A primeira rolda da Copa do Rei de fútbol trouxo consigo o que se lle presupón ao torneo do KO: emoción a cachón, a oportunidade de que os conxuntos máis modestos adquiran protagonismo por un día e que os grandes outorguen minutos para reivindicarse aos seus homes menos habituais, aínda que no caso do Celta non os aproveitaron.

Unha intensísima xornada copeira, na que entraron en xogo até sete formacións da Galiza, deixou resultados dispares, pois -con independencia do feito polo Rácing de Ferrol no seu choque ante o Marbella, que finalizou fóra do horario de fechamento desta edición-, avanzaron á segunda fase Celta, Lugo e Arenteiro, mentres que ficaron eliminados Compos e Boiro.  

Turégano-Celta

O conxunto celeste foi o primeiro en fechar o seu pase, após superar sen ningún tipo de complicación o Turégano de Preferente por 0 goles a 4, tantos de Bamba ('11, '32) e Carles Pérez ('60, '71).

Ambos os realizadores foron os activos máis destacados nun equipo que, a pesar do resultado, transmitiu certa sensación de desgana, e de que xogadores menos habituais nos esquemas de Rafa Benítez, como Williot Swedberg, Cervi ou Douvikas, desaproveitaron unha oportunidade de ouro para reivindicarse.

Compostela-Tenerife

A piques estivo de dar a sorpresa a Sociedade Deportiva Compostela ante todo un Segunda como é o Tenerife. Os chicharreros impuxéronse pola mínima (0-1, Ángel, '10) no Vero Boquete nun encontro no que a SD deu a cara en todo o momento e tivo numerosas ocasións para conseguir o empate, pero non logrou perforar as redes dunha escuadra insular que acabou perdendo tempo e pedindo a hora.

Atlético Antoniano-Lugo

O Club Deportivo Lugo chegaba como favorito ao duelo co modesto bloque sevillano, pero  a pesar da superioridade que demostrou en practicamente todo momento no Municipal de Lebrija o resultado gafas, 0-0, luciu no electrónico até o minuto 79, cando Leandro Antonetti bateu de remate coa testa un Tabuaço que parecía imbatíbel.

Este triunfo sobre o Antoniano é o quinto consecutivo dos da Cidade da Muralla, un rexistro que non lograban desde hai case 13 anos, cando venceu en seis partidos seguidos entre 2010 e 2011.

Avilés Industrial-Arenteiro

Sufrimos como nunca, pero gañamos como sempre. O Arenteiro prolonga o seu idilio co torneo do KO, que disputou por terceiro ano consecutivo e onde unha vez máis logrou superar o primeiro escollo. 

O Avilés Industrial uniuse a Logroñés e Almería na listaxe de vítimas dos do Carballiño, que saíron con vida do Román Suárez Puerta, non sen moito sufrimento, grazas a un tanto de Markitos no '32, cando peor o estaba pasando un Arenteiro que tivo a opción de aforrarse todo o sufrimento que pasou defendendo a súa exigua vantaxe na segunda metade se Davo non parase un penalti lanzado por Juan Delgado. 

Covadonga-Dépor

A Copa adoita ser sinónimo de tensión... nas súas roldas superiores. Ninguén agardaba que o Deportivo sufrise tanto para superar un Covadonga ao que derrotou na prórroga (3-1) após empatar no minuto 90 do tempo regulamentario.

Boiro-Mallorca

A pesar dunha derrota por 0-4, o Boiro viviu onte un dos días máis especiais da súa historia ao enfrontarse a un Mallorca que mostrou a súa superioridade en todo momento.

O Arousa regresa ao torneo do KO 30 anos despois

Día para o recordo en Vilagarcía, pois o Arousa regresa hoxe á Copa do Rei despois de 30 anos de ausencia. O seu rival será todo un Primeira División, o Granada, que saltará a un céspede da Lomba moi castigado polas inclemencias do tempo nas últimas datas ás 19 horas.

Co favoritismo, sobre o papel, recaendo de forma absoluta no combinado andaluza, o técnico galego, o sempre guerrilleiro Luisito, non tira a toalla antes de comezar o combate e cuantifica as súas opcións en 55-45 ou 60-40%". "Seremos ambiciosos desde o minuto un", confirmou o ex de Rácing de Ferrol, Ourense, Fabril ou Pontevedra.