Falece o espectador agredido nun partido de balonmán en Sanxenxo
O espectador agredido nun partido de balonmán de categorías de base en Sanxenxo (O Salnés), o pasado 15 de decembro de 2024, faleceu na madrugada desta segunda feira despois de estar máis de dous meses hospitalizado e non poder superar as lesións sufridas.
En concreto, trátase do avó do árbitro, que sufriu unha caída ao ser empurrado polo pai dunha xogadora que participaba no encontro de categoría cadete.
Foi a Federación Galega de Balonmán quen informou da morte do afeccionado, que nun comunicado tamén explica que a familia do falecido quere agradecer publicamente a todo o persoal do Hospital Álvaro Cunqueiro, en especial aos traballadores da Unidade de Coidados Intensivos (UCI) e Reanimación (REA), a súa profesionalidade, atención e empatía ao longo de todo este tempo.
Autocrítica
Ademais, a Federación publicou unha carta na que traslada a súa "impotencia e indignación" e lamenta non ser capaz de "impedir o fatídico suceso". "Perdón por chegar tarde, perdón por non avisar e por non ser capaces de transmitir de maneira eficiente que sen respecto nada disto ten sentido", sinala a carta, que tamén pide desculpas por "non lograr que quen lexisla e regula, polo menos intúa que o que hai non chega".
"Perdón polo despropósito de quen provocou a túa partida aínda teña máis que dicir e siga facendo vida normal, perdón por todas esas persoas que non ven o problema porque non lle tocou de preto, perdón por non ser capaces de impedir a túa viaxe", apunta o texto. A misiva tamén dá as "grazas" por permitir coñecer á "estupenda e unida" familia do falecido e ser "un exemplo" para promover o que "o balonmán debería sementar".
"Grazas por estar aí Andrés, grazas porque sabemos que, aínda que non te vexamos nos nosos pavillóns, sempre estarás connosco", finaliza a carta que traslada a súa pesar á familia de parte de todo o balomnano galego.
Un mes sen público nas gradas
Tras o acto de violencia acontecido en Sanxenxo a finais do ano pasado, no que o home agredido, agora falecido, tratou de frear os insultos ao árbitro do encontro, seu neto; clubs, colectivo arbitral e a xunta directiva da Federación Galega de Balonmán reuníronse para abordar a seguridade nas canchas e promover novas medidas que poñan fin a unha "lacra que vén aumentando de xeito preocupante nos últimos anos".
Entón, acordaron suspender durante un mes a entrada de público aos partidos de balonmán. "Coma primeira medida de concienciación contra a violencia, todos os encontros oficiais de balonmán autonómico que se vaian celebrar até o 18 de xaneiro de 2025, disputaranse sen presenza de público".
