A Escudaría Chantada cancela a popular Subida após 52 edicións
A Escudaría Chantada anunciou esta quinta feira nun comunicado a cancelación da popular Subida a Chantada neste 2026. A proba, que formaba parte do Campionato de España de Montaña (CEM) e con máis de medio século de historia, celebraría este ano a súa edición número 52, mais a escudaría alegou que, tras unha "análise profunda", non se dan as condicións necesarias en termos económicos para a súa realización.
Segundo comunicaron, non teñen esperanzas de que o ano que vén poida celebrarse e entenden que "todo ten un principio e un final". Argumentan que se no futuro "volven darse as condicións necesarias" a Subida podería regresar, sempre "coa colaboración imprescindíbel do CEM e a Real Federación de Automobilismo".
A Escudaría non quixo esquecerse de recoñecer o labor dos equipos, pilotos, comisarios e medios de comunicación pola súa dedicación e profesionalidade ao longo das 51 edicións da proba. Tamén fixeron unha mención especial á afección por converter cada edición da proba nun evento deportivo e social amplamente recoñecido "que transcende o ámbito competitivo", enchendo as gabias do percorrido e creando unha atmosfera característica que defendeu a identidade desta proba durante décadas.
O automobilismo galego despídese despois de máis de 50 anos dunha proba cun gran recoñecemento no mundo do motor e cuxo futuro se atopa agora mesmo no aire. As condicións económicas, informan desde a organización, impiden cumprir cos estándares de calidade e de seguridade que unha proba deste calibre require tanto para os competidores e os profesionais coma para as persoas que van ver a proba nas proximidades do percorrido todos os anos.
