Escocia e o desafío da falta de gol

Escocia logrou volver nesta Eurocopa a un gran torneo por primeira vez en 23 anos, mais a pesar da xesta de empatar en Wembley ante Inglaterra chegan á derradeira xornada da primeira fase obrigados a outra fazaña para avanzar de rolda: vencer aos actuais subcampións do mundo, a Croacia de Luca Modric.
Armados de paixón -e cerveza- a afección apoiará a 'Tartan Army' nas bancadas do Hampden Park de Glasgow. (Foto: EP).
photo_camera Armados de paixón -e cerveza- a afección apoiará a 'Tartan Army' nas bancadas do Hampden Park de Glasgow. (Foto: EP).

A Eurocopa 2021 alcanza o seu décimo segundo día consecutivo de fútbol cun par de encontros que determinarán cales son os dous -ou tres- equipos do Grupo D que logren avanzar aos oitavos de final do torneo.

Previstos ambos para as 21 horas da noite, a pesar de que o República Checa-Inglaterra pareza máis atractivo sobre o papel, o feito de que un empate beneficie a ambos fai que o interese recaia maioritariamente no Croacia-Escocia, ao que tanto balcánicos como celtas chegan coa obriga de gañar se non queren quedar eliminados prematuramente. 

Igualados a un único punto no fondo do grupo, outro empate sentenciaríaos, pois con toda seguridade o que rematase por diante por contar cun mellor golaverage non estaría entre os catro mellores terceiros que accederán aos oitavos de final.

Na nación celta son ben conscientes desta situación, e a prensa leva días facendo un chamamento para que o seleccionador Steve Clarke formule o partido dun modo máis ofensivo que ante a República Checa e Inglaterra, todo co obxectivo de que anoten o seu primeiro gol no torneo, que podería bastar para conseguir o obxectivo se son quen de manter a portería a cero, como fixeron ante a selección inglesa no Clásico.

A pesar de que os precedentes históricos son favorábeis -tres vitorias e dous empates escoceses nos cinco enfrontamentos previos-, Clarke perde para este transcendental compromiso o talento do xogador do Chelsea Billy Gilmour, positivo en Covid-19.

Goleada holandesa e vital triunfo austríaco

Holanda volveu gañar con comodidade, nesta ocasión á xa eliminada Macedonia do Norte (3-0) no derradeiro partido da maior lenda na súa escasa historia internacional, Goran Pandev.

Por outra banda, Austria ascendeu até o segundo posto do Grupo C e garantiu a súa clasificación para os oitavos de final da Eurocopa 2021 logo de imporse á Ucraína de Andrii Shevchenko cun único tanto, anotado no minuto 21 polo centrocampista Christoph Baumgartner.

Comentarios