Seis equipos galegos entran en liza na Copa da Raíña de fútbol sala

Burela, Poio, Amarelle, Marín, Ferrol e As Burgas
A meta non é outra que lograr un pleno galego nos oitavos de final. (Foto: Viaxes Amarelle).
photo_camera A meta non é outra que lograr un pleno galego nos oitavos de final. (Foto: Viaxes Amarelle).

Un total de sete equipos do país loitarán no día de hoxe por unirse a Ourense Envialia, que se impuxo por 6 a 2 no seu compromiso ante o Mecanoviga Eixample, no bombo do sorteo dos oitavos de final da Copa da Raíña.

Todos os encontros terán lugar no día de hoxe ás 12 horas, coa única excepción do IES Camoens-Poio Pescamar, que será ás 13 horas. A pontevedresa, exactamente igual que o resto das escuadras galegas coa única excepción de Valdetires Ferrol -que recibe á Agrupación Deportiva Alcorcón- e Cidade das Burgas -que fará o propio co Alcantarilla de Murcia- xogará como visitante por ser un conxunto de Primeira División.

Así, Pescados Rubén Burela viaxa a Catalunya para enfrontarse co Penya Esplugues; o Marín Futsal a Castellón; e Viaxes Amarelle a Guadalaxara para xogar con Chiloeches.

Burela continúa á fronte da clasificación ligueira

Esta segunda eliminatoria da competición do KO chega sen case tempo de descanso para os equipos da Galiza que militan nunha máxima categoría do fútbol sala estatal que continúa encabezada polo Pescados Rubén Burela, que conta os seus partidos por vitorias.

A última foi contra Melilla Torreblanca, que chegaba á Mariña nunha sobresaínte quinta posición, pero o combinado africano non tivo opción ante un galego que venceu por un cómodo 8-2.

Burela comparte ese liderado cun Futsi Atlético Navalcarnero que tivo no Ourense Envialia a súa última vítima. A pesar de que as futbolistas da Cidade das Burgas plantaron cara até o tempo de descanso, ao que chegaron perdendo por 2-1, as actuais campioas ligueiras demostraron que seguen a ser un equipo temíbel cunha exhibición que elevou o resultado até o 5-2 final.

Máis sufrido foi o triunfo de Poio Pescamar na casa de Gran Canaria FSF Teldeportivo (1-2).  As pontevedresas -que xa son terceiras, a tres punto das líderes- adiantáronse no minuto 14 cun tanto de Marta Peñalver, marcando Ana Escribano o segundo no 24. Porén, apenas segundos despois, pero esta vez en propia porta, Ana Escribano anotou accidentalmente un 1-2 que fixo sufrir Poio Pescamar até que soou a bucina do final.  

Pola súa parte, Marín Futsal e Viaxes Amarelle obtiveron senllos empates. O primeiro, a un gol co Alcorcón, e o segundo un 4-4 contra Sala Zaragoza.  

Comentarios