Enrique Vázquez, subcampión do mundo de culturismo natural

O campionato mundial de culturismo decorreu esta fin de semana na cidade estadounidense dos Ánxeles.

Enrique Vázquez Cruz. (Foto: Nós Diario)
Enrique Vázquez Cruz. (Foto: Nós Diario)

A Galiza suma un novo éxito deportivo nun ámbito pouco visibilizado mais en pleno crecemento. O vigués Enrique Vázquez Cruz, de 23 anos, proclamouse subcampión do mundo na categoría de peso lixeiro no Mundial de culturismo natural decorrido esta fin de semana nos Ánxeles (EUA).

O galego alcanzou a clasificación para competir nos Estados Unidos tras obter a terceira posición no VII Open Internacional Championship de Alemaña, unha cita que xa anticipaba o seu potencial nesta disciplina exixente, estritamente regulada e sometida a controis antidopaxe continuos.

Esta prata mundial culmina unha tempada excepcional. No VI Campionato de España, disputado en Sevilla, Vázquez recibiu ademais o recoñecemento oficial como deportista de elite estatal, un fito que consolida a súa traxectoria nun deporte que combina precisión técnica, disciplina férrea e unha preparación física altamente especializada.

A pasada semana, o propio Enrique Vázquez recoñecía en declaracións a Nós Diario que chegar a clasificarse para o mundial era "un gran logro" que lle custou crer. O vigués afirmaba afrontarse ao campionato "con ganas de dalo todo", unha actitude que se resolveu nun merecido segundo posto.

Comentarios