O encontro do Dépor en Tenerife fica aprazado pola activación do Plan de Emerxencias

Os de Óscar Gilsanz tiñan diante a un Tenerife que leva sen gañar desde principios de novembro, polo que supuña unha boa oportunidade para sumar tres puntos máis e afastarse dos postos de descenso.
Adestramento do Dépor o pasado mes de setembro. (Foto: RC Deportivo)
Adestramento do Dépor o pasado mes de setembro. (Foto: RC Deportivo)

O partido entre o Tenerife e o Deportivo da Coruña, que ía decorrer este domingo ás 21 horas, foi aprazado pola Real Federación Española de Fútbol (RFEF) seguindo as indicación do Xuíz Único de Competicións tras a activación por parte do cabido da illa do Plan de Emerxencias. Segundo sinalou o conxunto galego nas súas redes sociais, a RFEF comunicará a nova data do encontro o máis cedo posíbel.

O Dépor viaxou a Canarias coa intención de sumar unha nova vitoria na súa visita ao fechacancelas da Liga. Os de Óscar Gilsanz tiñan diante a un Tenerife que leva sen gañar desde principios de novembro, polo que supuña unha boa oportunidade para sumar tres puntos máis e afastarse dos postos de descenso.

Con todo, Diego Villares manifestou na rolda de prensa previa ao encontro que era "un partido como outro calquera". Aínda así, dixo Villares, "é verdade que se sumamos unha vitoria en Tenerife afastariamonos máis dos postos de abaixo, que é o que necesitamos".

En canto ao seu rival, o centrocampista do Deportivo destacaba que están vivindo "unha tempada complicada". "Mais tampouco te podes fiar diso, porque é un equipo que ten as súas armas arriba, sobre todo con xogadores moi dinámicos, e na casa sempre van saír un pouco máis motivados e van querer dar o mellor", subliñou.

Villares deixou ademais claro como tiñan pensando enfrontar o partido que ía ter lugar este domingo en Canarias. "Trataremos de ser dominadores a través do balón e, a partir de aí, sabemos que en todas as contras temos perigo; intentaremos aproveitalas o máximo posíbel", destacou.

Paro de Nadal

Este ía ser o último encontro lonxe de Riazor antes do paro do Nadal para o Dépor, que estaba décimo quinto cunha diferenza de tres puntos sobre o descenso antes de dar comezo a xornada. "Non facemos contas rematando a primeira volta. Imos semana a semana, intentando sacar o máximo de cada partido e os máximos puntos posíbeis, que ao final iso é o que vai dar a tranquilidade", concluíu o centrocampista.

Comentarios