Eduardo Iglesias, piloto: "O romanticismo do Dakar sobrevive nos pilotos afeccionados e de motos"

Disque o Dakar é o rally máis duro do mundo, pero até o de agora non puido co monfortino Eduardo Iglesias (1979), que vén de completar a proba sobre a súa moto no deserto de Arabia Saudita por terceiro ano consecutivo a pesar do modesto dos seus medios en comparación cos dos grandes xigantes cos que comparte pistas.
Iglesias posa na imaxe coa medalla do Rally Dakar. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Iglesias posa na imaxe coa medalla do Rally Dakar. (Foto: Nós Diario).

Que diferenzas hai entre o Eduardo Iglesias que debutou na carreira en 2020 e o que acaba de completala por terceira vez en 2022?

Hai unha diferenza bastante grande. Aínda que eu cando debutei no 2020 tiña a experiencia mínima que esixe a organización, cando te enfrontas por primeira vez co Dakar... é algo que hai que vivilo, tes que 'pagar a novatada', como se adoita dicir. Paseino moi mal, sufrín moito todas as etapas, chegando moitos días de noite, especialmente na primeira semana. A diferenza con este terceiro foi abismal, pois xa sabía que ía atopar contra que tiña que loitar, e por iso cheguei mellor preparado. Mellorei moito na navegación, na velocidade, e en moitos outros aspectos que se conseguen tamén coa experiencia, que é algo fundamental no Dakar, e iso que ultimamente está entrando moito rapaz novo, sobre todo en motos.

Destacaba esa durísima primeira semana naquel Dakar de debut en 2020. Este ano repetiuse un pouco a historia, pois tamén foi de menos a máis logo duns complicados días iniciais. Que dificultades atopou e como conseguiu sobreporse?

Esta edición da carreira xa se me complicou bastante o primeiro día, porque tiven unha caída dura, nada grave, pero golpeeime con forza contra o chan e durante varios quilómetros pilotei noqueado e perdín moito tempo, nunha etapa na que tamén o perderon tantos outros pilotos, como Carlos Sainz. Esa primeira noite fun incapaz de durmir a causa da dor que tiña. Pero ademais foi un tremendo golpe tamén no psicolóxico, porque un sabe que lle quedan once días nunha carreira moi dura, así que foi difícil de xestionar mentalmente. Pero pouco a pouco comecei a remontar, cando o corpo comezou a responder mellor, e puiden escalar postos desde ese comezo tan malo. 

Vostede preparou unha carreira que se desenvolveu en Arabia Saudita e no Reino de Marrocos. Cales son as principais diferenzas con respecto á climatoloxía, o terreo, a orografía... e como afectan aos pilotos?

É moi diferente. En Marrocos pasa un pouco como cando o Dakar era en América do Sur: temperaturas moi altas, abafantes, que facían que o cansazo e o desgaste físico fose moito máis grande. Polo contrario, en Arabia Saudita pasamos incluso frío, porque alí durante as horas do día as temperaturas roldan os 25 graos, pero pola noite caen moitísimo, así que para min ao Dakar a día de hoxe fáltalle máis calor, aínda que obxectivamente esa circunstancia sexa algo que nos favoreza aos pilotos. 

Queda algo daquel misticismo do París-Dakar, daquel espírito de aventura dun home e a súa moto en solitario? 

Perdeuse, pero nos postos de cabeza, entre os que optan a gañar a proba. Alí hai moitos cartos en xogo, e pode que ese romanticismo desaparecese. Quizais siga vivo nos que vivimos a carreira doutro modo, especialmente nas motos. Somos os amadores, xente para a que acabar o Dakar xa é un triunfo, persoas que chegan con orzamentos abismalmente inferiores con respecto aos oficiais, que dorme en tendas de campaña, que se axuda mutuamente cando hai problemas ou avarías. A pesar do cal, evidentemente, entendo que o Dakar de hoxe non ten nada que ver xa non co Dakar que se disputaba en África, senón mesmo co que se corría [entre 2009 e 2019] en América do Sur.

Cambiando de terzo, a súa ficha na web oficial da carreira abre cunha enorme lista de 'sponsors'. Canto custa correr o Rally Dakar? 

Persoalmente só teño palabras de agradecemento para a xente de toda esa lista, que é certo que é bastante grande (ri). Son institucións e empresas privadas que fan posíbel que eu estea en Arabia, pois sen eles non podería facer nada. E en canto ao orzamento, a de motos é a categoría máis barata do Dakar, e aínda así non deixa de supor un investimento importante. O meu este ano roldaba os 80.000 euros.

Xa ten a cabeza posta na próxima edición do rally? Namentres, cales son os obxectivos deportivos de Eduardo Iglesias no que queda de 2022? 

Esa é a pregunta do millón! (ri). Levo facéndoma a min mesmo desde o primeiro ano, porque sempre que remato un Dakar digo que non volvo, pero despois recapacito e acabo dicindo que si, así que non quero anticipar ningunha resposta. Dependerá tamén de se sigo contando cos meus apoios en forma de patrocionio, así que xa se verá, acabo de regresar e quero gozar do momento. Fóra do Dakar si hai algunhas carreiras que quero correr, como o Campionato de Europa ou o Rally de Marrocos.

Comentarios