EN DIRECTO | De Frutos pon o empate para o Raio tras o gol de Borja Iglesias para o Celta
O Celta visitaba este domingo Vallecas nun partido no que a primeira oportunidade clara foi para o Raio cun tiro cruzado de Lejeune. A ocasión marchouse á dereita do marco defendido por Radu. Con todo, o conxunto galego non tardou en coller o dominio do xogo e no minuto 8 a primeira ocasión galega chegou cunha internada de Bryan Zaragoza que tocou Rueda para asistir a Iglesias, cuxo tiro foi rexeitado por Batalla, quen evitou un gol cantado.
O equipo vigués estaba aproveitando o costado esquerdo cunha magnífica conexión entre Carreira e Zaragoza que achegou o dominio dos primeiros compases de xogo ao Celta. Neste contexto, tivo unha nova ocasión o 'Panda', nunha acción moi perigosa no minuto 10 que foi rexeitada por Ciss. Mais non renunciaba o Raio ao ataque, cun disparo de Pedro Díaz no 15 que marchou alto.
O partido baixou o ritmo durante o segundo cuarto de hora de partido, aínda que o Celta seguiu mantendo o dominio do xogo. Xa no minuto 29, Iglesias realizaba unha boa acción para zafarse de Lejeune, quen o derribaba e lle pisaba onde máis doe. Mancouse o compostelán, mais o árbitro decidiu non amosar cartón ao xogador do Raio.
Un pase en profundidade do conxunto vallecano no 33 obrigou Radu a realizar unha moi boa anticipación para desbaratar unha perigosa internada do Raio. Porén, a xogada foi anulada por fóra de xogo. Fíxose dano o romanés nesta acción, o que obrigou a parar o xogo, mais finalmente o porteiro puido continuar sen problemas.
Xa chegando ao descanso, no 43, volveu ter unha moi clara Borja Iglesias, un despexe da defensa viguesa convertíase nun extraordinario pase para o 'Panda', que se dispuña a encarar a portaría do Raio nunha contra moi clara. Marchábase só o compostelán, mais o seu control íase longo, o que permitiu que Batalla despexase o balón. Pouco despois, tras dous minutos de engadido, o partido chegaba ao descanso sen goles.
Tras o parón, adiantouse o Celta no comezo da segunda metade logo dun saque de esquina que, dunha forma pouco ortodoxa, foi enviado co muslo por Borja Iglesias ao fondo da meta de Batalla. O partido retomou a acción cun intercambio de golpes no que finalmente foi o conxunto galego o que conseguiu pór o primeiro gol no marcador.
Era o Raio quen golpeaba co primeiro disparo do conxunto madrileño entre os paus por parte de Álvaro García. Tamén tivo unha clara De Frutos, quen enviaba a bola por riba da portaría de Radu. Logo era Zaragoza quen a tiña para o Celta cun bo tiro. Mais finalmente foi o 'Panda' quen acertou para bater Batalla.
O Raio vía como se lle escapaba o partido, polo que o adestrador vallecano apostou no minuto 60 por variar o seu 11, Alemão e Chavarría por Pacha e Camello. Por parte do Celta tamén había mudanzas, dobre cambio con Mingueza e Durán ao campo de xogo por Carreira e Hugo Álvarez.
Era precisamente Chavarría quen metía un balón en profundidade para Álvaro García, quen daba unha moi boa asistencia a De Frutos, quen puña o empate no 64 para o Raio. Os cambios melloraron a imaxe do conxunto madrileño, que con este gol quentaba a bancada de Vallecas. Tras o tanto chegaban novos trocos, Balliu por Isi no Raio. E pouco despois Ilaix por Sotelo no Celta.
Os seguintes minutos foron de dominio claro para o Raio, e non foi até o minuto 74 que o Celta levaba o perigo á portaría contraria cun balón en profundidade tras un desmarque de Bryan Zaragoza. Batalla conseguía despexar o balón, o que desembocaba nunha contra para os madrileños na que Radu tivo que facer unha gran parada para mandar o disparo de Alemão a saque de esquina.
Precisaba mudar o partido o Celta, polo que Claudio Giráldez decidía introducir a Jutglà e Starfelt por Zaragoza e Ristic. Mais os cambios do de Porriño non facían efecto, e De Frutos tíñaa de novo para facer o seu segundo gol, o cal foi evitado por outra grande interveción de Radu no 83.
Porén, pouco a pouco foise refacendo o Celta, que tivo tres oportunidades con saques de esquina en apenas uns minutos. E chegado o 88 gozaba dunha moi clara Jutglà, que facía un marabilloso quebro na área madrileña para despois disparar con perigo a portaría, mais a parada de Baralla evitaba o tanto do catalán.
Tras isto, saían do campo De Frutos e Pedro Díaz, e entraban para o Raio Unai López e Becerra. E aínda que o Celta volvía ter o dominio do xogo, era o Raio quen tiña as últimas do partido. Un saque de esquina no 94 era rematado por Alemão, mais a intervención en labores defensivos de Borja Iglesias conseguía evitar o gol. E na última do partido, Unai López asustaba cun tiro que marchou desviado.
Foi o Celta quen controlou máis momentos do xogo, mais tamén é certo que o Raio foi quen tivo as mellores oportunidades para gañar o partido no final do encontro. Empate xusto no que Borja Iglesias, que leva tres tantos na Liga, foi o xogador máis valioso do partido. no que Radu tamén foi imprescindíbel para que o conxunto galego puidese levar un punto de Vallecas.