Demite a directiva das peñas do Dépor en protesta contra Tino Fernández

Antiviolencia pide fortes multas para os blues que se deslocaron a Madrid. Algunhas fontes falan até de 60.000 euros de sanción.

Riazor
photo_camera Riazor

Despois de a directiva do Deportivo responsabilizar a Federación de Peñas do equipo de ser os responsábeis da venta das entradas que levaban aos Riazor Blues -co mesmo dereito que calquera outro seareiro- a Madrid para o encontro fronte ao Atlético -no que un ataque dos ultras locais rematou coa morte a mans de varios fascistas de Jimmy, coruñés de 43 años- os responsábeis das claques branquiazuis decidiron demitir para amosar a súa disconformidade co Consello de Administración do club, ao que acusan de mentir.  

Un sector do pouco público que acudiu ao partido de Copa ante o Málaga pediu a dimisión do presidente do Dépor

Con probas de man, a Federación de Peñas demostra que foi nas billeteiras do club onde Riazor Blues mercou as localidades, en todo momento informando sobre a identidade dos seus compradores. Porén, o presidente do Dépor, Tino Fernández, culpou desa venta de entradas ás peñas, nunha ambiente enrarecido pola campaña contra os Riazor Blues á que tamén se sumou a directiva branquiazul, que pechou a súa bancada. Cuarta feira, durante o encontro de Copa na Coruña ante o Málaga (1-1), escoitáronse berros de “Tino Dimisión” no interior do estadio, ao que apenas acudiron espectadores. 

A directiva da Federación de Peñas asegurou, pola súa parte, que perdeu a confianza no Consello de Administración do Dépor, por iso decidiu dimitir, se ben seguirá como xestora até final de tempada. 

Solicitan que se castigue aos Blues que viaxaron o domingo cun 60.000 euros e cinco anos sen entrar nos estadios

Noutra orde de cousas, todas as persoas que viaxaron no autobús dos Blues que foron atacados en Madrid poden recibir severas multas, mesmo no caso de que non haxa ningunha proba de que participaron nos confrontos co Frente Atlético. Deste xeito, filtrouse que a comisión anti-violencia pide para os 80 deportivistas multas de 60.000 euros a cada un e cinco anos de prohibición de entrar nun estadio.

Comentarios