O Deportivo descende a Segunda B e o Lugo salva a categoría
A vitoria do Clube Deportivo Lugo ante o Mirandés permitiulles manter a praza na categoría de prata. Lamentabelmente, a vitoria do Albacete ante o Cádiz fixo que o Dépor sexa xa equipo de Segunda División B aínda sen xogar o encontro adiado polos sete positivos en coronavirus do seu rival, o Fuenlabrada.
40 anos despois, o Dépor é equipo de Segunda División B. Non dependía de si mesmo, e as vitorias de Albacete e Club Deportivo Lugo, que asegurou a súa presenza un ano máis na categoría de prata, sentenciaron o conxunto branquiazul.
Dépor e Lugo tiñan previsto xogar ás 21 horas de hoxe cadanseu derradeiro partido da Liga no que aspiran a conservar a praza na categoría de prata. Mais o Fuenlabrada (conxunto rival do Deportivo e que se atopa na cidade da Coruña) conta con sete xogadores que deron positivo por coronavirus, polo que os autobuses da escuadra madrileña non se presentaron no Estadio de Riazor.
A entidade branquiazul xa anunciou que impugnará o partido por incomparecencia do conxunto madrileño, considerando que non se presentaron no estadio dentro da marxe legal de tempo estabelecida.
Mentres tanto, o aeroporto da Coruña informaba de que o voo charter do Fuenlabrada no que tiñan previsto regresar a Madrid na xornada de mañá foi "cancelado e reprogramado". O equipo madrileño está agora mesmo confinado no seu hotel da Coruña por orde do Sergas.
O Consello Superior de Deportes (CSD) determinou que se xogasen todos os partidos menos o Dépor-Fuenlabrada: "Convocamos unha reunión extra a pedimento da Liga con CSD, RFEF e Liga na que se decidiu que se suspendese unicamente o Deportivo-Fuenlabrada".
"Faise por protexer a saúde dos xogadores de ambos os equipos e tómase unha circunstancia excepcional, debido a que adoitan xogarse todos os partidos ao mesmo tempo, de suspender só un por unha cuestión de lóxica pura que é que se celebre todo o que se poida en condicións sanitarias seguras", indican, nunha medida que adultera a competición pois perxudica os intereses do conxunto branquiazul.
Equipos como o Raio Vallecano, pese a saltar ao terreo de xogo, denunciaron que o fixeron baixo "ameazas" de perda de puntos, nun escándalo que non para de aumentar e ao que factores como que o fillo do presidente da Liga de Fútbol Profesional, Javier Tebas, sexa o avogado do Fuenlabrada non fan máis que botar máis leña sobre o lume.