O derbi no "Paísito" foi para o Celta

Os celestes fixéronse en Montevideo co derbi do verán. No choque puidéronse ver as novas incorporacións dos equipos galegos e os estilos que pretenden desenvolver ao longo do ano. O novo Dépor de Garitano mostrou un bo xogo pero faltoulle pegada. Un gran gol de Aspas de falta abriu o marcador no minuto 70 e Radoja sentenciou a piques do final.

Derbi Deportivo-Celta en Uruguai. 21-7-2016
photo_camera Un momento do derbi

Era de tarde no Uruguai e noite na Galiza e a diferenza horaria non era a única entre os dous países. O estadio que acolleu o histórico partido inaugural do primeiro mundial de fútbol albergaba un Celta-Dépor que semellaba ser a apertura dun concerto que non se ía celebrar. O derbi galego estaba previsto que precedese outro derbi entre Peñarol e Nacional de Montevideo. Porén, o encontro entre os uruguaios non se disputaría por non garantirse unha seguridade máxima nun encontro de alto risco. Isto provocou que as bancadas mostraran un aspecto vacuo que desluciu o encontro, rodeándoo dun entorno que se mimetizou coa falta de ritmo propio da pretemporada.

Con todo, era tarde de estreas en Montevideo e había moito por ver. Estrea nos terreos de xogo, estrea de equipacións e estrea de fichaxes: era o segundo partido do Deportivo, após do xogado fronte ao Negreira e tamén do Real Club Celta, que se estreara con derrota a pasada semana fronte ao CD Lugo. Os herculinos mostraban máis novidades ca os celestes, comezando polas camisolas. Estreaba a branquiazul o Deportivo da Coruña cun deseño clásico, que aínda fora desvelado esta mesma semana. A camisola celeste con detalles azuis e amarelos xa fora vista no feudo lucense. E por último, o Deportivo estreaba fichaxes e adestrador. As primeiras ordes de Garitano puideron ser vistas e ouvidas con total claridade. O adestrador bilbaíno aliñou de inicio o seu pupilo Albentosa, quen está chamado a dar o salto de calidade na zaga coruñesa. Tamén se estrenou Çolak, dende o centro do campo e Bruno Gama regresou ao carril do oito desde o que colaborou a ascender a Primeira División ao Deportivo. No Celta sería Naranjo quen se destapaba perante os afeccionados desde a banda esquerda.

Estrea nos terreos de xogo, estrea de equipacións e estrea de fichaxes

O partido comezou con pouco ritmo pero pouco a pouco fóronse vendo as gañas de ambos conxuntos por facer un bo papel. O amigábel non deixaba de ser un derbi e o Deportivo golpeaba primeiro. Sidnei saía da cova para combinar unha parede en banda esquerda con Lucas Pérez, gañar posición de centro e meter un bon balón para Oriol Riera, quen non acertou a rematar entre os tres paus. 

Pouco a pouco o Celta facía caso das instrucións dun Berizzo, ao que se lle podía ouvir a través dos micros de televisión, e comezaba a tocar e a facerse co peso do encontro. Drazic era a principal baza celeste e tivo unha boa ocasión ao revolverse entre tres defensas branquiazuis. O Dépor tamén golpeou e tivo bos intentos, primeiro cun regate de Sidnei en banda dereita que rematou en falta lateral e logo cunha xogada ensaiada a balón parado que Sergi Gómez foi quen de atallar a tempo. 

A segunda metade comezou sen cambios, tanto nas aliñacións coma no xogo. O Dépor tivo varios córners mentres que o Celta creaba perigo pola banda de Hugo Mallo. Chegado o minuto 60, produciuse o primeiro cambio do encontro, co que Oriol Riera deixaba o seu posto a Fayçal Fajr. Pouco despois, cando Borja Iglesias xa se preparaba para entrar, deuse a nota negativa do encontro. Drazic tivo que saír por lesión e sen case poder apoiar o nocello. 

A entrada de José Naranjo ao terreo de xogo -substituíndo a Bongonda- aportou frescura ao xogo celeste, combinando moi ben cos compañeiros e iniciando unha xogada que remataría con Pape Ceikh provocando unha perigosa falta na frontal da área. Iago Aspas decidiu aproveitala. O de Moaña, que volve levar o ‘10’ ás costas, marcou o seu primeiro gol fronte ao Deportivo cun gran lanzamento de falta.

Iago Aspas, que volve levar o ‘10’ ás costas, marcou o seu primeiro gol fronte ao Deportivo cun gran lanzamento de falta

Despois do gol, Garitano fixo un cambio múltiple: entraron Arribas, Álex Bergantiños, Borja Valle, Guilherme, Óscar Pinchi e Saúl e deixaron o campo Borges, Lucas, Mosquera, Bruno Gama, Navarro e Sidnei, mentres que Berizzo decidiu dar minutos a Lemos. Coas substitucións o Deportivo buscou o arreón final. mais na última xogada do encontro, o Celta enfiou unha boa contra entre Borja Iglesias e Naranjo que rematou con gol a pracer de Radoja.

Ficha Técnica: Estadio Gran Parque Central de Montevideo. 3.500 espectadores.

Deportivo: Lux (Tyton, min. 46), Laure, Albentosa, Sidnei (Arribas, min. 71), Navarro (Saúl, min. 71), Mosquera (Guilherme, min. 71), Borges (Bergantiños, min. 71), Emre Çolak, Bruno Gama (Valle, min. 71), Lucas Pérez (Pinchi, min. 71) e Oriol Riera (Fajr min.58).

Celta de Vigo: Rubén Blanco, Hugo Mallo, Cabral, Sergi Gómez, Jonny, Radoja, Pape Cheikh (Borja Fernández, min. 74), Wass (Costas, min. 87), Drazic (Borja Iglesias, min. 64), Bongonda (Naranjo, min. 60) e Iago Aspas (Lemos, min. 80).

Goles: 0-1, Iago Aspas (min. 68), 0-2, Radoja (min. 90).

Árbitro: Daniel Fedorczuk. Asistentes: Agustín Berisso e Miguel Nievas. Amonestado Pape Cheick (min. 60) no Celta e Albentosa (min. 81) no Deportivo.

Comentarios