O Deportivo da Coruña prescinde de Pablo Martínez para a vindeira tempada
Pablo Martínez, defensa francés do Real Club Deportivo, non seguirá vindeira tempada no equipo. Anunciouno esta segunda feira o club a través dun comunicado de prensa e das súas redes sociais. O xogador, procedente do Nîmes Olympique FC, chegou en 2022 e foi unha das pezas importantes en conseguir que os branquiazuis subiran a Segunda División.
Durante todo este tempo disputou un total de 94 partidos oficiais coa camiseta deportivista e marcou catro goles, "converténdose nun dos xogadores máis carismáticos e queridos pola afección deportivista", segundo club.
Ademais, lembrou que "durante a súa etapa na Coruña foi un dos actuais capitáns e demostrou un compromiso e unha entrega exemplares, tanto dentro como fose do terreo de xogo".
Despedida
"Despois de tres anos defendendo esta camiseta os nosos camiños sepáranse", afirmou o francés nun video que distribuiu a entidade deportivista esta segunda feira ao mediodía. "O Dépor significou moito para min, foron tres anos marabillosos ", asegurou para despois recuperar slgúns dos momentos que viviu ao inicio de aterrar no club.
"Desde que cheguei a xente ensinoume o que é o Dépor, defender este escudo. Até o último fíxeno e deixei boa imaxe de min e do Dépor", asegurou.
Por último, Martínez deteuse no que para el significou pisar o campo do Dépor. "Xogar en Riazor foi un escándalo. Ver como a xente anima a este equipo, sobre todo no ascenso, é unha tolemia. Se vas con todas as ganas do mundo a xente vai agradecer", concluiu. Para despedirse, o xogador ten previsto ofrecer unha rolda de prensa esta mesma semana.
