O Deportivo busca recuperar a confianza na Copa antes de visitar o FC Barcelona
O Deportivo Abanca afronta unha semana exixente e decisiva no seu calendario cun dobre compromiso en apenas catro días. Esta cuarta feira (19 hora local, 20 hora galega) xogará en Las Palmas de Gran Canaria ante o CD Guiniguada Apolinario no Estadio Parque Atlántico, en partido único da terceira rolda da Copa da Raíña. E o domingo 9 as deportivistas visitarán o FC Barcelona no Estadi Johan Cruyff (12 horas) para retomar a competición ligueira.
O conxunto dirixido por Fran Alonso chega á cita copeira despois dunha derrota en Eibar que o deixou na 13ª posición da Liga F con 7 puntos, a 2 dos postos de descenso, un balance que pon de manifesto a falta de regularidade e de gol e co que o técnico se mostrou esta terza feira "decepcionado". Aliás, Alonso afirmou estar convencido de que "os resultados chegarán. O equipo está a facer un bo traballo así que 100% confianza. Temos ganas de volver a gañar e mañá [por esta cuarta feira] intentarémolo".
A Copa preséntase así como unha oportunidade para recuperar confianza e ritmo competitivo. O Guiniguada Apolinario (no quinto posto da Segunda Federación) afronta o encontro como o máis importante da súa historia e tratará de facer valer o factor campo e a motivación para incomodar un Deportivo superior sobre o papel.
As galegas saben que o torneo do KO non admite relaxacións e que un só erro pode custar a eliminación. Por iso, as de Fran Alonso "só teñen no pensamento o Guiniguada". "Para nós é moi importante pasar á seguinte rolda. É unha competición que nos fai moita ilusión e queremos chegar o máis arriba posíbel".
Esta terceira rolda do torneo incorpora por vez primeira nesta edición os oito equipos da Liga F situados entre o 9º e o 14º posto da pasada tempada, ademais dos dous ascendidos, o que garante moita emoción. Xunto ao Deportivo, disputarán esta fase equipos como o Sporting Huelva, o Real Oviedo, o València, o Espanyol ou o Levante, con enfrontamentos que poden deparar máis dunha sorpresa.
Visita ao Barcelona
O obxectivo inmediato para o Deportivo é volver entrar de cheo na senda das vitorias e afrontar co mellor ánimo posíbel a dura visita a Barcelona, cabeza de lista. A nivel anímico, un triunfo en Copa suporía unha inxección de moral. O soño da Copa chega no momento xusto para un equipo que precisa reivindicarse e mirar cara arriba. O reto en Las Palmas pode marcar o punto de inflexión dun equipo que quere converter a dificultade nun impulso.