Os Xogos Europeos que se veñen desenvolvendo en Polonia -maioritariamente en Cracovia- desde o pasado día 21 de xuño e que se estenderán até finais da presente semana non deixan de deparar alegrías á afección galega.
Na xornada de onte foi a quenda do taekwondo, na que Iván García estivo a piques de lograr a medalla de bronce na categoría de +87 quilogramos após perder polo terceiro chanzo do podio co turco Atesli, completando así unha moi boa traxectoria na que antes só tropezou nas semifinais ante o macedonio Georgievski.
A moañesa Tania Castiñeira, no seu caso na modalidade de +73 quilos, tivo menos sorte, pois perdeu en cuartos de final coa británica Cook e non tivo opcións de entrar na repesca.
Cambiando o tatami polo ring, o boxeador cubano afincado na Coruña Emmanuel Reyes alcanzou esa barreira dos cuartos de final nos pesos pesados despois de pasar por enriba do armenio Narek Manasyan (5-0).
Máis difícil o tivo Miguel Alvariño no tiro con arco, quen tamén chegou aos cuartos de final tras superar o ucraíno Artem Ovchynnikov nos oitavos por un resultado de 6 a 4.
Fin de semana épica
O arqueiro pontés pretende complementar no plano individual unha fantastica actuación colectiva, que nunha fin de semana épica o levou a conseguir o ouro mixto -xunto con Elía Canales- e a prata por equipos.
Máis esas non foron as únicas medallas con sabor galego, pois a boirense Alma Pérez foi segunda nos -53 quilos do taekwondo -quedando a piques de 'mollar' metal Arlet Ortiz (-57), que rematou cuarta- e o dúo Xácome-Graña puxo o broche de ouro en piragüismo C2 mixto, pois foi primeiro e non tivo rival.
Lamentabelmente, no seu regreso á competición internacional tras ser nai Ana Peleteiro non puido pasar do sétimo posto cun mellor salto de 13,67 metros.
Outro metal no baloncesto
A maiores, Raquel Carrera e Paula Xinzo sumaron unha prata no Europeo de seleccións, caendo só na final ante Bélxica.