O deporte conquista a Semana Verde de Silleda

Protagonismo para xadrez, atletismo ou motor
As partidas sobre o taboleiro terán lugar o 11 de xuño. (Foto: Semana Verde).
photo_camera As partidas sobre o taboleiro terán lugar o 11 de xuño. (Foto: Semana Verde).

A Feira Internacional Abanca Semana Verde da Galiza, que desenvolverá a súa XLV edición entre os próximos días 8 e 11 de xuño, incluirá no seu programa actividades deportivas das máis diversas disciplinas, entre as que se inclúen algunhas tan diferentes como o freestyle motocrós, o xadrez ou o atletismo.

Así, Silleda acollerá a VIII Carreira Popular, organizada pola entidade feiral xunto coa Federación Galega de Atletismo (FGA), programada ás 20 horas do 9 de xuño.

Esta incluirá no seu percorrido unha pequena parte dentro do recinto e o resto en zonas exteriores próximas ao mesmo, e estabelecerá dúas categorías: escolar (que inclúe pitufos, Sub-10, Sub-12, Sub-14, Sub-16 e Sub-18) e absoluta, definición que abrangue os e as competidoras Sub-20, Sub-23, sénior e Máster.

Desde a organización comunican que os e as participantes poden ser atletas federados ou non, pero están obrigados a realiar a inscrición antes do día 7 de xuño.

Por outra parte, o Open de Xadrez Abanca Semana Verde da Galiza alcanzará a súa cuarta edición o domingo 11 de xuño. No 2023, este torneo puntuábel para a clasificación internacional ELO Fide contará con seis modalidades distintas, as cales serán totalmente independentes, e o prazo para apuntarse permanecerá aberto até o 9 de xuño ás 20.30 horas.

Con respecto á normativa, xogarase con sistema suízo a oito roldas mediante un programa informático homologado pola Federación Internacional (catro en sesión matutina e catro de tarde), polo que ningún xogador ou xogadora quedará nunca eliminado, enfrontándose en cada rolda a competidoras da súa mesma puntuación.

Por último, a feira acollerá tamén ao longo de toda a fin de semana exhibicións de freestyle motocrós, un deporte extremo que volve ao recinto da man de dous pilotos que xa obtiveron grandes éxitos na feira.

Así, o sábado 10 de xuño repetirá Ángel Campos -que participou en 2018 con moi boa acollida- con dúas exhibicións de motociclismo stunt que permitirá apreciar de primeira man a gran diversidade das súas acrobacias coreografiadas. Un día despois, o domingo 11, será a quenda de Paulo Martinho, pioneiro do freestyle en Portugal que visita o certame por cuarta vez.

Comentarios