GRANADA-DEPOR (1-1)

O Dépor suma un punto que sabe a pouco

O Dépor logrou sumar un punto no partido que o enfrontou na tarde de hoxe co Granada no campo do rival. O equipo de Víctor Sánchez del Amo foi superior na meirande parte do encontro, mais non soubo aproveitar a súa vantaxe no marcador.

[Imaxe: La Liga]
photo_camera [Imaxe: La Liga]

Aínda que tiveron nas súas botas os tres puntos, os xogadores do Dépor non puideron, finalmente, superar o Granada, malia a vantaxe inicial no marcador e malia a superioridade amosada na meirande parte do encontro.

Despois de varias ocasións de gol por parte de ambos os equipos, os deportivistas espertaron medida a primeira parte do partido. Logo de tres chegadas consecutivas e de probar sorte Jonathan en dúas ocasións, Fayçal Fajr estreaba o marcador. Fíxoo nunha xogada iniciada por Navarro, que recuperou no medio do campo e centrou para que o marroquí rematara dentro da rede cun zurdazo. A partir de entón, o Dépor, que contou con numerosas ocasións, creceuse fronte a un Granada que se desinchaba a pasos de xigante. O primeiro tempo remataba sen máis goles.

Á volta do descanso, os homes de Víctor Sánchez del Amo, que aspiraban a conseguir a súa terceira vitoria consecutiva, sumaron outras oportunidades, mais a falta de pegada impediu que ampliasen a vantaxe. O Granada atopou o seu balón de osíxeno no minuto de 65. Rober Ibáñez centrou o balón e Piti non perdoou. Malia estar en posición de fóra de xogo Biraghi, que interveu no xogo, o gol do Granada subía ao marcador. Con este tanto, o Granada sumaba o seu primeiro punto de liga na casa.

Nos minutos finais, ambos os equipos pareceron dar por bo o empate e as ocasións, por parte dos dous, brillaron pola súa ausencia. 

Granada CF: Andrés, Miguel Lopes, Lombán, Dória, Biraghi, Javi Márquez, Fran Rico (Piti, min. 46), Róber Ibáñez (Nico López, min. 76), Krhin, Rochina (Isaac, min. 46) e El Arabi.

Deportivo: Lux, Laure, Arribas, Sidnei, Navarro, Fayçal, Mosquera, Borges, Luis Alberto (Oriol Riera, min. 67), Lucas e Jonathan Rodríguez (Jonás Gutiérrez, min. 58).

Goles: 0-1 Fayçal (min. 25); 1-1 Piti (min. 65).

Árbitro: Vicandi Garrido (c. Vasco). Amoestou Jonás Gutiérrez, Arriba, Oriol Riera e Isaac.

Comentarios