Xustiza

Dani Alves, condenado a catro anos e medio de prisión por agresión sexual

A Fiscalía reclamara unha condena de 9 anos de cárcere para Alves e a acusación particular, que exerce a denunciante, pedira 12.
Dani Alves, durante o xuízo. (Foto: D.Zorrakino. POOL / Europa Press)
photo_camera Dani Alves, durante o xuízo. (Foto: D.Zorrakino. POOL / Europa Press)

A Audiencia de Barcelona vén de condenar a catro anos e medio de prisión o ex futbolista brasileiro Dani Alves por agredir sexualmente a unha moza nun lavabo da discoteca Sutton da capital catalá o 30 de decembro de 2022. O tribunal comunicou a sentenza esta quinta feira a todas as partes da causa e mais ao propio xogador, que foi trasladado de prisión para recibir o veredicto.

O auto inclúe unha atenuante de reparación do dano porque ingresou 150.000 euros á vítima antes do xuízo. Os maxistrados consideran que, malia que Alves estaba obrigado a depositar unha fianza desta mesma contía, "o feito de que indicase que solicita que esta cantidade lle sexa entregada á vítima con independencia do resultado do xuízo, expresa unha vontade reparadora que ten que ser contemplada como unha atenuante".

Alves leva xa 13 meses en prisión provisional desde que foi detido por esta causa a comezos do pasado ano, que computan para o cumprimento da condena que recibiu esta quinta feira; por tanto, dos catro anos e medio de pena quedan tres e cinco meses até rematar a súa condena.

A sentenza tamén estipula que, unha vez saia de prisión, Alves deberá pasar cinco anos en liberdade vixiada. A Audiencia tamén lle impón unha orde de afastamento da denunciante durante nove anos e medio e fixa unha indemnización de 150.000 euros por danos morais, a cantidade que o xogador xa depositou antes do xuízo.

O fallo atribúelle tamén un delito leve de lesións, polas que o tribunal decide multalo con outros 9.000 euros. A Fiscalía reclamara inicialmente unha condena de 9 anos de cárcere para Alves e a acusación particular, que exerce a denunciante, pedira 12.

Reacción da defensa da vítima

David Sáenz, un dos avogados da vítima de Dani Alves, á saída da Audiencia de Barcelona esta quinta feira. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
David Sáenz, un dos avogados da vítima de Dani Alves, á saída da Audiencia de Barcelona esta quinta feira. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

A defensa da vítima de Dani Alves mostrouse satisfeita porque a Audiencia de Barcelona dese credibilidade á versión da moza, se ben matizou que analizarán a sentenza para comprobar "se a gravidade da condena pode compararse coa gravidade dos feitos". Díxoo un dos avogados da defensa, David Sáenz, á súa saída dos Xulgados tras a lectura da sentenza.

"É unha condena que recoñece o que soubemos sempre, a verdade e o sufrimento que houbo, co cal podemos estar satisfeitos e contentos por ela e por todas", expresou Sáenz. Ao ser preguntado por se lles sorprendeu a condena e se consideran que a pena é baixa, dixo que agora deberán avaliala completa ao detalle e ver se se corresponde "coa gravidade dos feitos".

En relación á atenuante de reparación do dano, Sáenz dixo que "evidentemente non se reparou", pero que esta valoración corresponde á sala. "O que pensamos nós expresámolo bastante ben a través da letrada, e permaneceremos nesta postura", concretou.

Máis en DEPORTES
Comentarios