Fútbol | Copa

A CRÓNICA | O Celta sorprende o Valencia en Mestalla (1-3) e clasifica para os cuartos de final da Copa

Os xogadores do Celta festexando un dos tantos de Tasos Douvikas.
Dous goles de Douvikas, que segue chamando ás portas da titularidade, chave para o pase.

Albízaras! O Real Club Celta de Vigo estará esta sexta feira no sorteo dos cuartos de final da Copa do Rei despois de eliminar o Valencia en Mestalla, a quen venceu por tres goles (De la Torre, '12; Douvikas, '18 e '79) a un (Pepelu, '29). Optou Benítez por un once inédito nos seus sete meses á fronte do Celta, co recentemente renovado Iván Villar en portería; defensa de catro con Kevin, o canteirán Carlos Domínguez e os xa recuperados das súas respectivas lesións Carl Starfelt e Mihailo Ristić; no centro do campo Fran Beltrán e Hugo Sotelo compartiron responsabilidades con Miguel Rodríguez e Luca De la Torre, titulares das bandas; mentres que as responsabilidades ofensivas recaeron sobre Swedberg e Douvikas.

O choque comezou, como era de agardar nun partido no que un técnico tan conservador como o madrileño medía forzas cun dos seus pupilos máis adiantados, Rubén Baraja, con xogo, a un e outro lado do campo, que non destacou polo seu carácter alegre e vistoso, senón máis ben por todo o contrario... até que un inesperado gol rachou coa monotonía no minuto 12.

Logo dun saque de curruncho desde o costado dereito da área valencianista, unha saída en falso de Doménech habilitou Kevin para asistir coa testa a De la Torre, e o ianquee, de forma inverosímil, inventou unha xenialidade para marcar co calcaño totalmente de costas á portería ché.

E, sen tempo case para dixerir o  tanto, 120 segundos máis tarde De Burgos Bengoechea pitaba un claro penalti logo de que Diego López derrubase o canteirán Miguel Rodríguez cun tackle. Douvikas, o Pichichi da Copa, non dubidou en asumir a responsabilidade e con moitísima sangue fría definiu desde os 11 metros ao lado esquerdo de Doménech, a quen enganou por completo grazas a unha efectiva paradinha.

Co Valencia en KO técnico, o Celta, que desde hai anos semella sentir especial desinterese no que se podería entender como 'gañar fácil',- viu como os locais recortaban distancias no '28 logo dunha pena máxima cometida por Carlos Domínguez, que golpeou o balón co cóbado dentro da área ao máis puro estilo Ricardo Zamora, nun xesto tan instintivo como incomprensíbel.

O golpe deixou os celestes co pé cambiado, e sufriron en extremo para conservar a súa superioridade no electrónico até a chegada do intermedio. Salvados pola campá. Despois, na reanudación, a cabra tirou ao monte e Benítez non puido resistir a irrefreábel tentación de encerrarse no seu campo, renunciando a toda pulsión ofensiva.

Sufrindo en extremo ante o asedio local, só un tanto no '79 de, quen senón, o Owen do Celta, Tasos Douvikas, cun soberbio testarazo, devolveu a tranquilidade e certificou o pase aos cuartos.