A Covid-19 deixa fóra de xogo a tres dos catro equipos galegos da Primeira División de fútbol sala

Só o Cidade das Burgas de Ourense pode competir esta xornada
O Pescados Rubén vai a por todas (Foto: Burela FSF)
photo_camera O Pescados Rubén está de baixa, ademais do Poio Pescamar e o Ourense Envialia (Foto: Burela FSF)

A Primeira División de fútbol sala está conformada por 18 equipos, dos que catro son da Galiza. Lamentabelmente, esta fin de semana tan só está autorizado para competir un deles, o Cidade das Burgas, pois Pescados Rubén Burela, Poio Pescamar e Ourense Envialia non poderán xogar a causa dos casos de coronavirus detectados entre as súas filas.

O último en caer foi o conxunto ourensán, que informou na xornada de hoxe de que quedaba adiado o compromiso que tiña previsto disputar mañá ás 19 horas no Pazo dos Deportes Paco Paz, tornando así no sexto partido suspendido dos oito que conforman a décimo primeira xornada ligueira.

A causa? Non podía ser outra: a detección dun positivo en Covid-19 entre unha das futbolistas do Ourense Envialia, que xa a pasada quinta feira mostraba síntomas compatíbeis coa Covid-19, quedando inmediatamente confinadas tanto as súas compañeiras como o corpo técnico por segunda vez nesta tempada.

Precisamente na quinta feira foi cando o Pescados Rubén Burela facía público que non viaxaría até Zaragoza para disputar o seu compromiso contra o Intersala Promesas tras detectarse un caso positivo nas súas filas.

Pola súa banda, o Poio Pescamar leva en situación de inactividade desde o pasado día 12 de xaneiro, logo de que o que nun primeiro momento foran tres casos positivos e subisen posteriormente até unha cifra sen confirmar, pero que obriga a que todos os membros do equipo permanezan en situación de confinamento domiciliario.

Así, toda a representación do país na Primeira RFEF Futsal Feminina recae nun Cidade das Burgas que visitará ás 19.30 horas a casa do Leganés co obxectivo de obter unha vitoria que os saque definitivamente da zona baixa da táboa.

Comentarios