O Couto, o estadio das mil e unha reformas que non atopa solucións definitivas

As malas condicións do céspede víronse no encontro que enfrontou a UD Ourense e o Salamanca CF no Couto o 11 de xaneiro. (Foto: UD Ourense)
As queixas polo mal estado do campo da UD Ourense e do Ourense CF son frecuentes na cidade das termas, o estadio foi obxecto de múltiples reformas nos últimos anos, en 2021, en 2024, no comezo desta tempada e a última foi pactada para este comezo deste ano

O Couto, estadio emblemático da cidade de Ourense, é o campo local dos dous equipos máis grandes da cidade actualmente, o Ourense CF e a UD Ourense. O estadio leva anos sendo cuestión de controversia na cidade, xa que se atopa nunhas condicións moi pouco aptas para xogar ao fútbol nin para velo. O Ourense CF declinou facer declaracións ao respecto a este xornal, mentres que a UD Ourense xa fixo público varias veces o seu descontento coas condicións do estadio e do terreo de xogo.

A situación actual é tan grave para a saúde dos futbolistas que a Xunta Directiva da UD Ourense mantivo unha reunión esta semana con representantes da Xunta da Galiza para trasladar o seu malestar. A institución comprometeuse a realizar unhas novas reformas no céspede para poder salvagardar a saúde dos deportistas que xoguen no Couto, mentres tanto o equipo ourensán terá que xogar os seus encontros como local en Verín, fronte ao Burgos CF B o 1 de febreiro e comprometeuse tamén a encontrar un campo para o partido do 8 de febreiro fronte o Coruxo FC


Non só os equipos de fútbol son críticos coa situación, os partidos da oposición tamén denuncian a situación do estadio. Luis Seara, portavoz do BNG en Ourense manifesta a Nós Diario o descontento co estado do campo: "É un estadio que ten problemas estruturais, nos accesos, na iluminación e na visibilidade", denuncia o portavoz ourensán. O nacionalista non entende como, malia "ás numerosas reformas", estas problemáticas "non se corrixisen". Desde o BNG propoñen un proxecto para a construción dun novo estadio que estaría situado "nos terreos detrás da grada sur" e que contan con "espazo suficiente", sinala o portavoz.

Mantén que este novo estadio permitiría a creación "dun novo aparcadoiro" e melloraría "a infraestrutura deportiva da cidade", xa que o antigo estadio permanecería "aberto para a veciñanza" e isto posibilitaría a construción dunha cidade deportiva "digna para unha cidade como Ourense", reivindica Seara. Tamén recalcou que para realizalo se necesitaría que o Concello "cambiase o plan urbanístico" e pida a cesión dos terreos aos seus propietarios, aínda que "coa colaboración da Xunta todo sería máis fácil", acentuou o nacionalista. O Goberno municipal de Ourense non atendeu a Nós Diario nin realizou declaracións públicas sobre este tema. 

Máis uso do habitual

Desde a Xunta deféndense das acusacións aclarando que "en abril de 2024 inaugurouse o estadio do Couto tras a reforma na que se investiron 2,8 millóns de euros, dos que 800.000 euros foron para a rexeneración do céspede", sinalan desde a Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deporte a este xornal. Tamén recordan que "no inicio da tempada 2025/2026 realizáronse novas actuacións que melloraron o estado do campo" debido ás condicións adversas tanto por ondas de calor no verán como episodios de choivas extremas que "non contribuíron á súa recuperación", indican desde a institución. Sobre a reunión cos clubs polo estado do terreo de xogo nesta última semana, desde a Consellaría sinalan que " no marco do mantemento das instalacións, substituirá totalmente o céspede e as actuacións xa comezaron o pasado domingo". 

O Parido Popular celebra o último proxecto anunciado: "Estamos moi contentos polo céspede, hai que lembrar que a situación do Couto é extraordinaria, xa que é moito máis usado que calquera outro estadio", declara Ana Méndez, portavoz do Partido Popular en Ourense. "Xogan dous equipos como locais no estadio, é dicir, que se xogan o dobre de partidos que en calquera outro campo", remarca a ourensá. Tamén, a portavoz aclara que están "a favor da unión de Concello, Xunta e Deputación de Ourense" para a construción dun novo campo. 

Desde o PSdeG  denuncian tamén o estado do campo da cidade, non entenden como despois de "gastar unha millonada" a situación segue sendo "nefasta", sinala a concelleira socialista, Alba Iglesias. A edil lamenta a situación dos "vestiarios sen ventilación adecuada, as bancadas, as billeteiras, os ingresos e unha lista moi larga de cousas por arranxar", denuncia a ourensá.  A concelleira non comparte o argumento do uso excesivo, xa que despois do verán "o terreo xa estaba en malas condicións", sinala Iglesias. 

Ademais, pon de exemplo estadios como o de Riazor ou o de Balaídos nos cales xogan "filiais, equipos femininos dos clubs e o terreo aguanta", conclúe a concelleira. 
Desde o Partido Socialista defenden tamén a idea da construción dun "estadio novo", pero son conscientes que para isto "poden quedar décadas", augura Iglesias. O Couto preocupa, pero parece que non ten solución fácil de atopar.

O Couto, máis de setenta anos de historia ourensá

O estadio do Ourense CF e da UD Ourense ten 78 anos de historia. Inaugurouse en 1948 cun encontro amigábel que enfrontou a UD Ourensana e ao Racing de Ferrol, o partido gañouno o equipo local empezando con bo pe a vida do novo estadio que substituía ao Campo de Loña. Desde os anos 50 os seareiros do club chaman ao campo Estadio do Couto, pero non recibiu ese nome oficialmente até o 1986, durante todos eses anos chamouse Estadio José Antonio. Foi o campo do CD Ourense un dos clubs máis emblemáticos da Galiza até a súa desaparición no ano 2014. A partir dese momento foi o fogar do Ourense CF e a UD Ourense

Fitos históricos que viviu O Couto

O campo tivo citas moi importantes como no ano 1973, cando recibiu o FC Barcelona de Johan Cruyff nun partido amigábel. O estadio estivo varias etapas en Segunda División, na cal o CD Ourense chegou a conseguir un terceiro posto, na tempada 59/60. Máis adiante presenciou unha moi boa tempada na Copa do Rei no ano 2000, cando o equipo ourensán logrou eliminar ao Getafe e ao Mallorca, ademais de recibir o Barcelona, ao cal non logrou eliminar. O Couto leva 78 anos de vida, aínda que agora se fale del polos seu mal estado.