O coronavirus deixa KO o Lugo

Os albivermellos terán que agardar até 2022 para volver celebrar un gol diante da súa afección. (Foto: CD Lugo).

A detección de 23 positivos entre xogadores e corpo técnico no Club Deportivo Lugo obrigou a adiar o seu derradeiro partido de 2021 e embazou un fin de ano futbolístico moi positivo no que o Apalpador trouxo consigo triunfos para o Celta de Vigo, o Deportivo da Coruña e o Rácing de Ferrol.

Estas liñas tiñan previsto reflectir a crónica do gran desafío que afrontaba o Club Deportivo Lugo ante o líder da Segunda División, a Unión Deportiva Almería. Lamentabelmente, farán o propio cun obstáculo de non menor entidade, pois a escuadra albivermella foi vítima do maior gromo de Covid-19 no fútbol profesional desde o inicio da pandemia, con 23 persoas afectadas.

En total, tal e como comunicou a escuadra lucense, 15 xogadores, sete membros do corpo técnico e unha persoa auxiliar foron diagnosticados coa doenza, situación ante a que o Comité de Competición da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) decretou -polo de agora sen data- o adiamento do encontro.

Ademais, o Servizo Galego de Saúde levou a cabo un novo cribado nesta segunda feira no Hospital Universitario de Lugo do que non se fixeron públicos os resultados, medida que se une ao confinamento domiciliario que esixe Sanidade mesmo para as 27 persoas que deron negativo nos tests.

Desde o Club Deportivo Lugo recoñecen que se trata dun caso "extremadamente delicado", e afirman que aplicaron "continuada e rigorosamente" os protocolos".

Adeus con vitoria do Celta

Mellor están as cousas en Vigo, onde afrontan a parada de Nadal -breve, pois só descansarán até o 27 de decembro-, coa tranquilidade de finalizar a primeira avaliación cun aprobado. O triunfo ante o Español (3-1), encontro no que destacou un Denis Suárez  a escasas xornadas de que entre nos seus últimos seis meses de contrato e poida marchar gratis do club no próximo verán, deixa o equipo en media táboa, cun cómodo colchón de cinco puntos sobre o descenso.

Puntos cos que contaba o filial celeste ante o fechacancelas da Primeira RFEF, Tudelano, quen estreou o seu contador de vitorias (2-0) a costa  dun mal choque dos rapaces de Onésimo 

Boas sensacións de Rácing e Dépor na zona alta 

Esa derrota afasta Celta B duns postos de play-off nos que se meteu o Rácing logo de superar Calahorra por 2-1 con tantos de Dani Nieto e o incombustíbel Joselu non sen moito esforzo, mesma tónica que condicionou o triunfo do Deportivo ante a Cultural Leonesa (2-3) grazas a un gol no último minuto que confirma, este ano si, os branquiazuis como grandes favoritos para o ascenso.