Os conxuntos galegos da elite prepáranse para o comezo da Liga

O Celta estreou camiseta ante o conxunto chipriota (Foto: RC Celta).
Boas sensacións no Real Club Celta e mixtas no Lugo.

A menos de dúas semanas para o comezo da competición ligueira na Primeira e na Segunda División -catro no caso da Primeira RFEF-, os representantes galegos na elite do fútbol estatal apuran a súa preparación para chegar ao seu debut no mellor estado posíbel.

Así, o único na máxima categoría, o Real Club Celta, superou o modesto Pafos chipriota por 2-0, tantos transformados por Santi Mina e o veterano Nolito, que foi o mellor no segundo compromiso de pretempada da escuadra celeste.

Con todo, e a pesar da teórica superioridade galega, os visitantes comezaron ben, até o punto de que chegaron a ter máis dunha boa opción de perforar a portería do Celta, pero finalmente impúxose a superioridade do combinado dirixido por un Coudet que non puido contar con Aspas, mancado, pero si con Renato Tapia, que regresou logo da súa lesión co Perú durante a Copa América.

O próximo partido do Celta será esta terza feira, 3 de agosto (18 horas, Cidade Deportiva Afouteza), e ante un rival de máis entidade, o Gil Vicente de Barcelos. O oitavo clasificado na liga portuguesa, que xa se atopa en dinámica competitiva, pois vén de xogar a Copa lusa ante o Paços de Ferreira, sube o listón dun Celta no que se podería estrear a súa última incorporación estival, o lateral esquerdo Javi Galán, que chegou a Vigo procedente do Huesca.  

Luces e sombras para o Club Deportivo Lugo

A diferenza do Celta, que conta os seus partidos por vitorias, o Club Deportivo Lugo está alternando partidos de preparación para o inminente comezo de Liga onde ofrece moi boas sensacións con outros que remiten á irregularidade dos peores tempos da tempada pasada.

Deste modo, nesta fin de semana pasou de facerse co prestixioso Trofeo Emma Cuervo logo de superar o Real Oviedo a recibir unha goleada ao día seguinte contra un rival de inferior categoría como é o Rácing de Ferrol (3-0).

No primeiro encontro, galegos e asturianos desenvolveron un choque marcado pola igualdade, onde o duelo táctico protagonizado por Rubén Albés e o 'Cuco' Ziganda non se decantou cara ningún dos dous lados, reflectindo o marcador final un 1-1 que decidiría o Emma Cuervo desde o punto de penalti, onde os albivermellos foron máis efectivos (5-4).

Polo contrario, ante os Diaños Verdes desapareceu esa solidez, e antes da primeira media hora de partido xa perdían por 0-2, levando o segundo tanto a sinatura do incombustíbel Joselu. Incapaces de reaccionar, e menos aínda desde a expulsión de Juanpe na segunda metade, aínda encaixaría un gol máis da man de Quintana, deixando un poso de decepción que agardan borrar cun bo resultado no encontro que disputarán este 4 de agosto ante o Coruxo (19.30 horas) no marco do XXXII Trofeo Vila de Foz.

Todos os ollos no Trofeo Teresa Herrera

Finalmente, e xa na terceira categoría, a flamante RFEF, o Real Club Deportivo da Coruña  afronta unha semana chave na súa preparación, que inclúe un duelo este 4 de agosto ante o Bergantiños (19 horas nas Eiroas) e a disputa do Trofeo Teresa Herrera o domingo contra a Ponferradina.

Ademais, a entidade herculina oficializou nesta segunda feira, 2 de agosto, outra data no seu calendario competitivo, un duelo fronte un rival da mesma categoría -aínda que integrado no Grupo 2-, o Castilla, filial do Real Madrid.