Compostela será a capital estatal do enduro esta fin de semana

As motos na edición 2022 (Foto: Motoclub Móvete na moto).
120 pilotos competirán no Campionato de España de Enduro que se inicia esta sexta feira en Santiago de Compostela.

O Campionato de España de Enduro inicia a tempada 2023 esta fin de semana en Santiago de Compostela. Máis de 120 inscricións apuntan cara o éxito da proba que organiza o Motoclub Móvete na moto

O rally contará co estadio Verónica Boquete como centro neurálxico e na súa contorna estarán dispoñíbeis varios circuítos para acoller á elite estatal deste deporte de resistencia e habilidade sobre a moto. 

O Enduro de Santiago consta de varias categorías (supertest, extreme test, enduro test e cross test) e comezará esta sexta feira ás 18 horas co habitual supertest situado xunto ao recinto principal, nos exteriores do estadio.

Para o sábado e o domingo, desde as 9.30 horas, quedarán as modalidades de extreme, enduro e cross. Na edición anterior, a proba fechou o Campionato de España, gañando  Antoine Magan de E1, Josep García de E2, Jaume Betriu de E3 e Zachary Pichon de Júnior Open. 

O Campionato de España contará este ano con cinco probas durante todo o ano. Unha vez rematada a cita compostelá, viaxará até Oliana (Catalunya) do 17 ao 19 de marzo, antes do GP de España do Mundial de Enduro GP do 5 ao 7 de maio, válido tamén para o estatal. 

Despois dunhas longas vacacións de verán, o certame retomará a actividade do 15 ao 17 de setembro co Enduro de Silleda-O Irixo (nas comarcas do Deza e Carballiño) para acabar en outubro, do 13 ao 15, na Torre d’Oristà (Catalunya).

O motociclismo non se afasta da capital galega co remate desta proba de enduro. Para o 26 de febreiro está prevista tamén  a realización do Cross Country, unha proba que forma parte do Campionato de España. Durante toda a xornada competirán un conxunto de pilotos das categorías Sénior, Junior, Sénior B 2T, Veterano, Feminino, Máster e Sénior B 4T.