Claudio Giráldez non poderá contar con Hugo Álvarez por tres semanas
Hugo Álvarez perderase os partidos que o Celta ten previstos na liga ante Atlético de Madrid, Osasuna e non se descarta que tamén non estea ante o de Girona.
O equipo celeste comunicou que a proba de resonancia realizada despois de que o xogador caera lesionado ante o Betis confirmou unha escordadura de ligamento colateral medial do xeonllo dereito.
Despois de recuperar ao capitán do equipo, Iago Aspas, esta pasada fin de semana, a baixa de Álvarez, que voltaba despois de estar sancionado, é un novo contratempo para Claudio Giráldez que tamén ten agora mesmo a Franco Cervi recuperándose doutra lesión.
Porén, o técnico porriñés poderá dispor ante o Atlético de Madrid este sábado (Metropolitano, 18.30 horas), de Carl Starfelt e Ilaix Moriba que xa cumpriron a súa sanción a fin de semana pasada. Ademais, logo destes días, Iago Aspas ten posibilidades de reaparecer e recuperar a titularidade tras a súa lesión.
Preguntado o sábado pola súa ausencia, Giráldez explicou que tivo molestias a noite anterior ao partido contra os andaluces en Balaídos.
