O Celta de Vigo sucumbe ante un Friburgo moi superior (3-0) e complica o pase ás semifinais da Europa League

Non foi a mellor noite do Celta, e cando non atinas en ataque e mostras fraxilidade en defensa contra un dos rivais máis fortes da Europa League, o resultado é unha avultada derrota que afasta o soño europeo e obriga a encomendarse a unha remontada heroica en Balaídos a vindeira semana.
Williot Swedberg conducindo esta quinta feira o balón en Friburgo. (Foto: RC Celta)
Williot Swedberg conducindo esta quinta feira o balón en Friburgo. (Foto: RC Celta)

As noites de Europa League teñen algo especial. Desde o momento no que soa o himno da competición coa saída ao céspede dos xogadores até o asubío final, a atmosfera no estadio é completamente distinta á que se vive na Liga. E o desta quinta feira en Friburgo, desde logo, non era un partido máis para o 'EuroCelta' de Claudio Giráldez, que afrontaba por quinta vez os cuartos de final. Na última ocasión, nunha tempada 2016-17, para ben ou para mal, imposíbel de esquecer en Vigo, os celestes saíron vitoriosos, derrotando o Genk belga cun 3-2 en Balaídos e un empate a 1 na volta. Desta volta non houbo a mesma sorte, nin saíu o equipo coa mesma confianza.

Giráldez non puido contar co seu once de gala. Fóra da convocatoria quedaron o seu piar na zaga, Carl Starfelt, por unhas molestias das que non se recuperou a tempo; Hugo Álvarez, mancado en Mestalla; Miguel Román, baixa polo que resta de tempada; Ristic, tamén por lesión, e Javi Rueda, no seu caso por acumulación de cartóns amarelos neste torneo. No seu defecto o porriñés apostou por un once con Radu baixo paus; Javi Rodríguez, Aidoo e Marcos Alonso en defensa; Ilaix e Sotelo na medular; Mingueza e Carreira nas bandas, e, na punta de ataque, Jutglà, Borja Iglesias e Swedberg.

Claro dominio do Friburgo

O Friburgo saíu forte desde o primeiro minuto, buscando con intensidade a portaría de Radu e presionando moi arriba a saída de balón. A primeira aproximación con perigo protagonizouna Eggestein aos 3 minutos de partido, e o primeiro córner chegaba segundos despois. Os alemáns gustábanse coa pelota e o Celta, pola contra, sufría para conter o empurre dos locais. Suzuki internouse na área no minuto 5 recollendo un pase ao oco pero acabou disparando fóra.

Marcos Alonso apremaba os seus para non repregarse atrás e buscar a presión alta, mais os alemáns víanse moito máis cómodos sobre o céspede e cumprido o 9 de partido chegou o primeiro gol nas botas de Grifo. O capitán culminou unha boa xogada de toque cunha soberbia definición de rosca desde a frontal da área que mandou o balón pegado ao pau, imposíbel de alcanzar para Radu. Grande acción colectiva dos alemáns á par que desafortunada en defensa dos de Giráldez.

O Celta reaccionou aos 10 primeiros minutos de dominio total do Friburgo buscando controlar a posesión para poder despregar todo o seu fútbol, pois repregado atrás intentando aguantar as constantes acometidas dos alemáns estaba a sufrir demasiado. Mais o dominio da bóla non se traduciu en chegadas á área. Os celestes non conseguían conectar cun tridente ofensivo do que apenas Jutglà puido fiar un par de xogadas buscando, sen éxito, rachar a zaga rival.

E cada contraataque do Friburgo provocaba o pánico na defensa do Celta. Os alemáns penetraban no campo rival como coitelo en manteiga e nunha destas aproximacións acabou facendo o segundo para o seu equipo Jan-Niklas Beste, quen rematou a porta baleira un pase da morte de Matanovic. Na seguinte xogada, aproveitándose de novo da fraxilidade defensiva do Celta, a piques estivo Manzambi de ampliar a vantaxe após adentrarse na área de Radu, mais o seu tiro bateu co pau.

O cambio de dinámica que non chegou

Após un primeiro tempo no que non logrou efectuar un só disparo, a chegada do tempo de descanso foi o mellor que lle podía pasar ao Celta de Giráldez, que tras o paso por vestiarios deu entrada a Fer López e El-Abdellaoui por Swedberg e Javi Rodríguez para, igual que fixera —con resultado positivo— o pasado domingo en Mestalla, mudar o esquema para pasar a unha liña defensiva de 4 mais mantendo a de 5 cando tocaba aguantar os ataques do rival.

Porén, o conxunto vigués seguía a sufrir para fiar máis de tres pases seguidos ante a abafante presión dun rival moi ben situado no campo e que seguía chegando con demasiada facilidade en ataque e con toda a confianza que lle faltaba ao Celta. Os celestes empurraron buscando a área rival, mais o Friburgo demostraba por que é o equipo menos goleado desta Europa League, con apenas seis goles encaixados nos dez partidos que disputara até o momento.

Giráldez confiou en Matías Vecino, que viña de saír dunha lesión,  en substitución de Sotelo para tratar de facerse máis forte no centro do campo. Pero os alemáns non daban un respiro e seguían apertando con forza fronte a un Celta que apenas mostraba signos de reacción. Puido marcar Suzuki no minuto 63 cunha contra que o deixou practicamente só ante Radu pero que, grazas a unha grande acción defensiva de Carreira, non logrou culminar. Os de Julian Schuster non querían sacar o pé do acelerador e perseguían con insistencia os futbolistas celestes cada vez que intentaban sacar o balón xogado do seu campo. Imposíbel superar a presión en bloque alto.

O Celta aferrouse entón á posibilidade de sorprender á contra un Friburgo que se negaba a repregarse malia dominar xa no marcador, e unha boa condución de Fer López terminou, xa no minuto 70, coa primeira xogada cun certo perigo para os celestes, concluída cun forte disparo de Borja desde a frontal que marchou moi perto do longueiro. Giráldez decidiu entón esgotar os seus cambios retirando a Borja e Jutglà para tentar sacar partido do enxeño de Iago Aspas e do poderío físico de Pablo Durán.

Mais continuou o dominio alemán fronte a un Celta errático na saída de balón e en defensa. E nun córner Mathias Ginter rematou sen apenas oposición para enviar o balón cunha forte cabezada ao fondo da rede para anotar o terceiro tanto. Gozaba a afección local co xogo dos seus e sufría un Celta que se vía incapaz de provocar o máis mínimo dano ao Friburgo.

Lanzouse entón o Celta á desesperada a buscar un gol que dese folgos de cara ao partido de volta. Tívoo Fer López, a falta de 5 minutos para o final do tempo regulamentario, ao rematar só un balón ao centro da área colgado por Mingueza cun toque ao que lle faltou algo de precisión. Tamén os alemáns puideron ampliar aínda máis a vantaxe cun disparo tras contra de Höler, que entrara en substitución de Grifo, ante o que Radu non actuou ben, mais si puido mandar o balón a córner.

Dura derrota final por 3 a 0 que obriga o Celta a unha remontada heroica en Balaídos na volta.

Comentarios