O Celta suma catro vitorias nun dos seus mellores inicios de tempada
Aínda que a sensación nas bancadas sexa contraria, o Celta vive o seu mellor momento competitivo no que vai de temporada, e incluso das últimas campañas. Os datos así o reflicten. Despois de encadear até sete empates a 1-1, chegaron as ansiadas vitorias para os celestes.
O conxunto dirixido por Claudio Giráldez suma xa catro vitorias oficiais consecutivas —ante Niza, Osasuna, Puerto de Vega e Levante—, unha serie que non se vía en Balaídos desde os tempos de Eduardo Coudet en 2020/21. Antes del, só Luis Enrique (2013/14) e Berizzo (2016/17) lograran rexistros semellantes, o que podería sinalar á recuperación futbolística e mental do equipo, ou a ter a sorte de cara.
A solidez fóra da casa é outra das tarefas superadas nesta nova etapa. O Celta encadea tres triunfos como visitante (en Iruña, Navia e València), algo que só acontecera dúas veces neste século: con Paco Herrera no curso 2011/12 e con Unzué en 2017/18.
Co empate ante o Niza na Europa League e os posteriores triunfos, o Celta suma sete encontros oficiais sen coñecer a derrota, un feito que só se tiña repetido en cinco ocasións na última década, todas baixo técnicos de peso: Berizzo, Coudet, Carvalhal e agora Giráldez. O porriñés está a consolidar un modelo recoñecíbel, atrevido e ordenado, apoiado nun bloque que cre na proposta e nun Radu en estado de graza, con só 14 goles encaixados nas 11 primeiras xornadas, a mellor marca defensiva do club desde 2021/22.
O balance ligueiro confirma a tendencia: con 13 puntos tras 11 xornadas, o Celta iguala o mellor inicio dos últimos sete anos, idéntico ao do curso anterior, e mellora os rexistros de 2019 a 2023. O equipo semella ter superado a inestabilidade do inicio da tempada e, por fin, apunta a un ano con marxe para soñar.
Esta semana presenta novos desafíos: visita a Zagreb na Europa League e regreso a Balaídos para recibir o FC Barcelona, dous partidos que servirán para dirimir se o deste momento é sorte ou talento.

