O Celta presenta alegacións ao segundo cartón amarelo a Charles, clave na derrota en Valladolid

A equipa de Luis Enrique estivo no partido até que o árbitro mandou ás duchas ao dianteiro brasileiro Charles, nunha acción moi rigorosa. Logo, xa con 10, desatouse o festival Javi Guerra.

celta
photo_camera Momento en que o árbitro expulsa a Charles

Minuto 10 do segundo acto do xogo. Charles presiona a saída de balón do garda-mallas rival. Este, nunha acción trampulleira, arrebólalle o coiro contra as costas dun puntapé e finxe ter sido molestado pola presenza do brasileiro. O árbitro cae na celada e amosa ao dianteiro celeste o seu segundo cartón. Expulsión. O Celta fica con 10 xogadores e sen a súa referencia ofensiva.

Apartir daí, acabouse o partido. O Celta perdeu a orde e o Valladolid botou man do seu principal argumento ofensivo, o sempre perigoso Javi Guerra. Foi un furacán perante o marco de Yoel. Un furacán que asinou 3 goles.

O Celta continúa con 15 pontos. A boa noticia é que aínda mantén un mini-colchón de dous pontos que o separa dos postos que conducen á Segunda División.

Antes da expulsión, o Celta estivo máis no partido do que o Valladolid, cunha boa condución de xogo por parte de Oubiña e chegadas á área rival. Con 10 foi outra historia. Foi a historia de Javi Guerra.

Alegacións

O Celta decidiu esta terza feira apresentar alegacións ao segundo cartón amarelo a Charles, logo de as imaxes mostraren inapelabelmente que o dianteiro brasileiro nen tocou o porteiro do Valladolid.

Fotografía tirada de CeltaVigo.Net

Comentarios