O Celta, optimista coa continuidade de Ilaix Moriba e Sergio Carreira
Despois da gran tempada que realizou o Celta coa entrada na Europa League as actuais incógnitas veñen da man do futuro no vestiario celeste. Para pór algo de luz este tema compareceu estacuarta feira en rolda de prensa o director deportivo do club, Marco Garcés. O mexicano recoñeceu, de inicio, que en relación a este tema o primeiro é "conservar os futbolistas que nos interesan e que vencen contrato".
Nesta situación atópanse Sergio Carreira e Ilaix Moriba. Con optimismo en ambos os dous casos, Garcés, do primeiro, asegurou que o club modificou a oferta inicial para pasar a ser "bastante xusta" e están agardando a súa resposta. Respecto do segundo, aclarou que a opción de compra co Leipzig non se vai a negociar e agora falta o acordo económico co xogador. "Tiven a última conversación hai 20 minutos. Son optimista", sinalou Garcés.
Renovacións e portaría
Unha cuestión que o club ten segura é que procura un porteiro. Garcés asegurou que a renovación de Guaita non é prioritaria e non se pronunciou sobre o futuro de Iván Villar. Neste posto, o nome de Julen Agirrezabala, que soou nas últimas horas, "non é unha das posibilidades", mentres que con Azpilicueta non ten "conversas activas".
Outros casos diferentes son os que aínda terán contrato en vigor, como Óscar Mingueza, até 2026, ou Williot Swedberg, até 2027. Sobre eles, o directivo do Celta deixou claro que primeiro queren asegurar os que finalizan o contrato agora.
Sobre Swedberg, en concreto, afirmou que, "se a oferta é interesante para club e xogador, considerariámolo, por el ou por calquera". En relación ás cesións, anunciou que Javi Rueda, que esta pasada campaña xogou no Albacete, completará a pretempada co primeiro equipo. E Miguel Román, procedente do Celta Fortuna, tamén estará ás ordes de Giráldez.
Tamén hoxe se despediu a até o de agora conselleira do Celta Xisela Aranda, unha das responsábeis da creación das Celtas, para levar a área de Deportes da Deputación de Pontevedra.
